O BNG da Guarda convoca á veciñanza a unha asemblea informativa o vindeiro mércores 13 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de San Bieito. «O obxectivo é analizar as consecuencias da polémica compra da Casa de D. Eloi».
O portavoz nacionalista, Anxo Baz, denunciou «a falta de transparencia do goberno local. Non sabemos que agocha Carrero ao intentar impoñer unha compra millonaria sen dar conta á veciñanza nin á corporación”. Baz aclarou que os fondos non son un regalo da Deputación, senón «cartos do Plan +Provincia que corresponden á Guarda. Se se gastan nesta casa, perderanse para investimentos fundamentais e urxentes”.
Dende o BNG alertan tamén da falta dun plan de usos e do custo «inasumíbel que suporía a rehabilitación e o mantemento do inmoble». Segundo Baz, esta operación «hipotecaría os recursos futuros da Guarda«, impedindo proxectos prioritarios como «a creación de vivenda social ou un auditorio municipal».
A formación nacionalista remata facendo un chamamento á participación masiva este mércores para frear o que consideran un «despropósito mentres as necesidades reais da vila seguen sen atenderse».
