As saídas do centro do Porriño pola rúa Antonio Palacios cara a Cans e pola rúa Domingo Bueno cara á subestación eléctrica de Unión Fenosa en Atios veñen de ser limitadas a 30km/h.
Segundo o BNG, estas vías foron transferidas desde o Ministerio de Fomento, pero conservan todas as características de travesías porque atravesan e comunican a zona urbana coas parroquias e con outras localidades.
«No BNG entendemos que o control de velocidade a 30km/h debe facerse soamente no tramo regulado por semáforos ao seren estradas moi transitadas por peóns. Este treito debe estar limitado por atoparse dentro do casco urbano e ir en sentido cara ós centros de ensino, no caso da rúa Antonio Palacios, e até a Pontenova, no caso de Domingo Bueno».
Desde o Bloque queren denunciar tamén «o afán recadador do Concello do Porriño coa instalación de novos radares. Estes comezaron a funcionar desde o primeiro día en lugar de poñer en marcha unha campaña de concienciación previa para darlle a coñecer os novos límites á veciñanza«, rematan.