O BNG critica que o Concello de Baiona non colgara hoxe a bandeira LGTBI na fachada da casa consistorial no Día do Orgullo.
«O 28 de xuño de 2019 penduramos por primeira vez na historia de Baiona a bandeira LGTBI na casa do Concello. A simboloxía que ten que pendurar do edificio de toda a veciñanza de Baiona é a bandeira arcoiris, a bandeira da diversidade, do orgullo, unha bandeira que vai máis alá dun simple xesto. As conquistas sociais e os seus símbolos teñen un significado político, neste caso o compromiso de acadar a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación. En definitiva, xustiza social», defende desde o BNG.
«Estamos -din- a ver estes días unha sistemática eliminación do espazo público desta bandeira onde goberna a dereita. Pero escoitando ao líder do PP dá a sensación que esta directriz é exclusiva da ultradereita. En Baiona goberna o PP pero quizais sexa certo o que o dí o Sr. Feijóo».
«Dende o Bloque Nacionalista Galego entendemos que debemos educar ás crianzas en liberdade. Aprenderlles que hai multitude de identidades, que poden ser cis, trans, heterosexuais, bisexuais, lesbianas, homosexuais, intersexuais, ou calquera outra coa que se sintan identificadas», apuntan.
«Porque tal e como pretenderon facer coa conmemoración do 8 de marzo, non debemos esquecer a orixe do 28 de xuño e renderlle homenaxe á denuncia, á reivindicación e á loita de moitas persoas que eran perseguidas polo propio sistema que debería protexer os seus dereitos», finalizan.