O anuncio por parte do concello de Nigrán do acordo do Consello da Xunta do cambio de titularidade a favor do mesmo da rúa Otero Pedrayo «é un negocio ruinoso para as arcas municipais«. «A administración autonómica entrega unha estrada da súa responsabilidade en pésimas condicións, sen que lle supoña ningún gasto a súa millonaria rehabilitación, que terá que ser asumida integramente polo consistorio», explican dende o BNG.

«A esta situación chegamos pola fracasada vía en solitario seguida polo alcalde de Nigrán, Juan González, que tan só pretende esconder a falta de xestión que tivo, respecto deste asunto, desde fai anos», aseguran os nacionalistas.

Antes de rematar o mandato anterior o BNG levou a Pleno unha moción que, tras ser aprobada, requiría do goberno municipal a elaboración dunha proposta de convenio para remitir á Xunta, avalada explicitamente polos portavoces de todos os grupos políticos presentes na corporación.

«O alcalde evitou concretar esta fórmula e, en troques, quixo asumir en solitario a reclamación da vía, culminada co traspaso da mesma á administración municipal que terá que afrontar en solitario os 1.5 millóns de euros que supón o seu arranxo, mentres lle evita calquera gasto á administración autonómica, que é a responsable do deterioro da rúa ao non ter invertido nada nela en décadas«, aseguran.

«O goberno municipal incluso non descarta acudir á vía do crédito para financiar o investimento, fórmula á que se opón totalmente o BNG para costear a obra«, sinalan.

«O concello de Nigrán, que iniciara a senda do saneamento económico co goberno de coalición PSOE-BNG que o acabou situando nunha posición financeira excelente, pode, co goberno de Juan González, reiniciar o camiño do endebedamento para tapar a súa inacción neste tema durante anos, sen unha soa proposta elaborada seriamente e transmitida formalmente ata a solicitude de transferencia da vía feita xa neste 2020«, rematan os nacionalistas.