No verán do ano 2019 a forza do mar, como era máis que previsible en algún momento, deixou inoperativo o Talaso gratuíto denominado Poseidón e situado na antiga cetarea de Monteboi. «A mala ubicación das infraestruturas fixo que os problemas causados polo temporal marítimo fosen graves e que a súa reparación se elevase até 50.000 €», sinalan os nacionalistas.
Así, pasados apenas 30 días, en setembro de 2019 o PP de Baiona publicaba unha nota de prensa na que dicía: “levamos un mes sen que funcionen ningún dos catro chorros existentes, o que dá a entender o pouco interese ou o total deixamento municipal”. Ao tempo que denunciaban “unha vez máis a pouca sensibilidade co patrimonio, o deixamento e a falta de resolución dos problemas”. «E como sempre daban unha solución sinxela e irracional como para deixar claro que eran os máis listos da clase, así aseguraban por entón que os veciños de Baiona non entenden que se atrase tanto o seu funcionamento. Independentemente de que se danaron os pulsadores, estes pódense repoñer e volver restablecer o funcionamento tan sinxelo como adecuar de modo provisional o sistema en modo fixo e continuo”.
Dende o BNG afirman que o PP leva máis de dez meses gobernando e este vai ser o seu segundo verán sen Talaso «pero xa desapareceu a urxencia por reparalo. Tampouco aparecen as solucións sinxelas e os cualificativos de pouca sensibilidade co patrimonio, deixamento e a falta de resolución dos problemas convértense en boa xestión».
Os nacionalistas indican que nunha entrevista publicada nun xornal o Sr. Alcalde dixo que descartan o arranxo do Talaso «porque hai outras prioridades«. «Exactamente a mesma decisión que o tripartito pero o actual goberno do PP de Baiona sen unha pandemia de por medio, con custes enerxéticos un 30% inferiores e co maior orzamento da historia do concello», matizan.
Critican que esta permanente «dobre vara de medir deixa as claras o tipo de políticas e de oposición que leva a cabo o Partido Popular de Baiona do cal, segundo o propio Partido Popular de Baiona, podemos dicir que amosa: unha vez máis a pouca sensibilidade co patrimonio, o deixamento e a falta de resolución dos problemas”.