No pleno celebrado o pasado xoves, «o PP de Carrero e o seu socio Fariñas votaron en contra da proposta do BNG de esixir á Xunta de Galiza a realización da senda entre Camposancos e A Guarda».
O portavoz do BNG, Anxo Baz, na súa intervención diante da corporación municipal recordou que «as repetidas promesas do PP desde o ano 2017 non se concretaron en nada» e aseverou que «non imos ser tan incautos como para empezar a crelas agora. Non estamos dispostos a que pase coa senda entre Camposancos e A Guarda o mesmo que pasa co vial entre A Guarda e Tui. Máis de 20 anos de promesas e o vial non dá pasado de Goián”.
O nacionalista afeoulle a actuación ao Goberno municipal neste asunto e fixo fincapé en que a verdadeira intención do goberno do PP e Fariñas «xa se puxera de manifesto no momento en que renunciaron aos fondos que había para a construción da senda peonil A Guarda- Camposancos no plan de sostibilidade turística, que como mínimo, serviría para iniciar a obra e que foron desviados a outros cometidos».
«O voto en contra do PP e de Fariñas -concluíu o nacionalista- debe alertarnos de que corremos o perigo de quedarnos sen senda si non pelexamos por ela con convicción, por iso desde o BNG imos seguir defendéndoa da man da sociedade na rúa e nas institucións, para que non quede nunha promesa incumprida unha vez máis».