Anxo Baz

Os orzamentos son a guía económica pola que se debe rexer calquera administración durante todo un ano. Porén, «a decisión do Goberno local da Guarda de presentar as contas a finais de setembro —e tendo en conta os prazos legais de exposición pública e alegacións antes da súa entrada en vigor— limitará a súa vixencia, no mellor dos casos, a apenas dous meses», sinalan.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, amosouse contundente ante esta situación: “Os orzamentos do PP de Carrero son o reflexo deste goberno: chegan tarde e carecen de proxectos. Un executivo minimamente responsábel tería que estar traballando xa nas contas de 2027 para poñer en marcha as actuacións que A Guarda precisa o próximo ano».

Para o voceiro nacionalista, esta é «outra mostra máis da incapacidade do PP de Carrero e Fariñas, un goberno sen proxecto de ningún tipo que, cando debería estar pensando en aprobar  o orzamento do vindeiro ano, leva a pleno o de 2026″. «Estamos diante do goberno máis desastroso dos que se recordan na Guarda”, engadiu Baz.

Falta de transparencia nos investimentos

O BNG tamén afeou a falta de transparencia nas contas presentadas. Segundo denuncia a formación, o capítulo de investimentos inclúe partidas xenéricas que ocultan o destino real dos fondos públicos e non aclaran se eses cartos xa foron gastados.

A veciñanza da Guarda ten dereito a saber en que se invisten os seus impostos. Non merece este desprezo nin a opacidade que exerce o  alcalde e o seu equipo de goberno”, concluíu Anxo Baz.