O BNG da Guarda vén de presentar alegacións ao novo proxecto de concesións do transporte por estrada previsto pola Xunta de Galicia. Os nacionalistas sinalan que o deseño da concesión XG859, que afecta á Guarda e ao resto de concellos do Baixo Miño, revela carencias significativas que prexudican gravemente a mobilidade da veciñanza.
Entre os principais problemas detectados, o BNG destaca que a viaxe para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro supera as dúas horas de duración, ao obrigar aos usuarios a pasar previamente pola Estación Intermodal de Vigo. Así mesmo, denuncian que as liñas que se dirixen ao campus universitario non coinciden cos horarios de inicio e remate das clases.
Nas alegacións presentadas ante a Xunta, a formación nacionalista recolle ademais as seguintes reclamacións:
- Reforzo de prazas: Ampliar a capacidade daquelas expedicións saturadas nas que os usuarios viaxan de pé ou quedan en terra nas paradas por falta de espazo.
- Servizo as fins de semana: Reforzar as conexións dos venres e domingo para facilitar o desprazamento de ida e volta do alumnado que estuda fóra.
- Conexión con Camposancos: Incrementar os percorridos ata esta parroquia en horario de mañá.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, declarou que “as propostas presentadas buscan corrixir un proxecto deficiente. A veciñanza merece un transporte público eficaz, con frecuencias e horarios razoábeis que garantan o acceso a servizos esenciais como a sanidade, a educación e a conectividade co centro de Vigo”.
