O BNG en Baiona denuncia que “a nefasta xestión do goberno municipal do PP ten paralizada a licitación dos “chiringuitos” das praias porque pretendía licitar o da Praia dos Frades en terreos que non son municipais”.

A formación nacionalista sinala que “despois de anunciar o pasado 26 de abril que o concello sacaba a concesión para a explotación temporal de quioscos en cinco dos nosos areais (A Concheira, A Ribeira, A Ladeira, Santa Marta e Os Frades), a día de hoxe seguimos sen rematar a licitación destas concesións”.

Incide en que “esta demora é debido a que a nefasta xestión do goberno do PP fai anular o proceso porque pretendía conceder a instalación do quiosco de Os Frades en terreos que pertencen ao Ministerio de Facenda e ao Parador”.

O Bloque Nacionalista Galego apunta que “a incompetencia do goberno municipal retrasará a instalación deste servizo de quioscos nas nosas praias até ben entrada a época estival”.