Empresas de taxación de vivendas e portais especializados en venta veñen de confirmar recentemente que Baiona xa é o concello galego máis caro para comprar unha vivenda. Lidera esta clasificación cun custe medio de 2.850 €/m2 superando a Sanxenxo (2.845 €/m2), e as grandes cidades do país: A Coruña (2.737 €/m2), Santiago (2.555 €/m2), Vigo (2.475 €/m2) ou Pontevedra (2.210 €/m2).

O Bloque Nacionalista Galego esixe á Xunta de Galiza actuar con urxencia «ante a cada vez maior dificultade das baionesas e baioneses para acceder a unha vivenda xa que, con este prezo, a compra dunha vivenda de 70 m2 chega a 200.000 € e unha de 100 m2 alcanza os 285.000 €. Estes prezos son prohibitivos para a grande maioría das persoas en xeral, e para a mocidade en particular».

Os nacionalistas apuntan que «a falla de planificación urbanística, a presión dos pisos turísticos e a constante inacción por parte do Partido Popular producen este grave problema. Así, Baiona conta con máis de 1.000 vivendas desocupadas e máis de 2.000 residencias secundarias».

O BNG sinala como fundamental ordenar e aumentar o parque público, ben sexa mediante nova construción ou mediante a adquisición de inmóbeis sen uso, como alternativa para solucionar este problema residencial «que expulsa e dificulta, cada vez máis, á veciñanza de Baiona poder vivir no seu concello».