ALFREDO // Archivo

O BNG de Baiona esixe ao goberno de Almuíña o repintado da calzada PO-552 ao seu paso pola Avenida de Sabarís así como a colocación de semáforos que garantan a seguridade viaria das persoas «tras a inacción do goberno municipal en todo o mandato».

Segundo as nacionalistas “na Avenida de Sabarís existe un alto tránsito de vehículos que debe ser regulado sobre todo no paso peonil situado fronte ao Carrefour que é moi usado pola veciñanza, tanto polo acceso ao supermercado como polo tránsito peonil escolar”. Continúan apuntando que “a instalación dun semáforo aumentará a seguridade viaria das veciñas e veciños. Neste caso para o goberno municipal a xestión é cuestión de vontade política polo carácter municipal da estrada”.

E apuntan “a completa inacción do goberno municipal do PP fai que dita estrada presente unhas condicións de mantemento deplorables polo que esiximos con urxencia o repintado das marcas viarias”.

Do mesmo xeito, consideran que “o paso peonil da Avenida Ramón y Cajal que dá acceso ao Parque de A Palma debe contar cun semáforo que garanta a seguridade de baionesas e baioneses. Como así vimos solicitándolle á Xunta de Galiza dende fai anos e como fixo o anterior goberno municipal que, en ambos casos, o goberno do PP nin tivo a consideración de contestar”.

Por último, o BNG denuncia que “o completo desinterese e desleixo do goberno do PP de Baiona quedou demostrado cando, fai mais de un ano, votou en contra destas propostas que xa fixo o BNG, argumentando que estaban preparando un proxecto. A día de hoxe, e despois de ser preguntado en pleno en multitude de ocasións e sen dar resposta, nada se sabe deste famoso proxecto”.