O Bloque Nacionalista Galego (BNG) ve insuficiente a retirada de competencias ao concelleiro José Ángel Bahamonde e esixe o seu cesamento inmediato. A fronte nacionalista chama a convocar un Pleno extraordinario para depurar as responsabilidades políticas diante da “ocultación” da actividade do ex edil de Urbanismo como socio dunha empresa que constrúe apartamentos turísticos no concello.
O portavoz municipal do BNG, Iago Pereira, considera “indecente” que se manteña na Corporación “un minuto máis” ao concelleiro, despois de que o alcalde de Baiona anunciase este xoves que lle retira as competencias de Urbanismo pero que continúa á fronte das áreas de Medio Ambiente e Infraestruturas. “Non chega con apartalo a un segundo plano”, afirma.
Para o Bloque é “evidente a incompatibilidade política”, máis alá das consecuencias legais, da actividade privada de Bahamonde coas súas responsabilidades sobre a planificación urbanística, nun concello que padece un “grave problema” de acceso á vivenda. “Mentres a veciñanza non encontra onde vivir, o edil de Urbanismo que debía ofrecer alternativas adícase a promover apartamentos turísticos”, afea Pereira.
Tacha de “insuficientes” as explicacións ofrecidas por Bahamonde en relación á súa declaración de incompatibilidades. E de “insulto á intelixencia” o referido a que considera que tiña que facer dita declaración de incompatibilidades unha vez rematado o mandato, cuestionou o portavoz municipal do Bloque de Baiona.
Tamén apunta que “todo isto agravado pola situación ilegal da empresa da que é socio con outro ex-concelleiro do PP no concello de Gondomar como así indica o informe da secretaría dese concello”.
Por estes motivos, a fronte nacionalista cre “urxente e necesario” que se convoque un Pleno extraordinario para aclarar as responsabilidades políticas, entre elas o papel do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, a quen acusan de ofrecer versións contraditorias sobre cando coñeceu a actividade privada do edil do seu goberno e manterse en silencio sobre a situación urbanística da empresa no concello de Gondomar.
