O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de ‘secuestrar’ o Pleno municipal. A fronte nacionalista denuncia que o rexedor non convocou aínda a sesión ordinaria do mes de marzo despois de non ter celebrado tampouco a correspondente a febreiro.
“O alcalde está saltando as convocatorias, que deben ser cada primeiro xoves de cada mes, cando hai moitos temas pendentes por tratar”, asegurou a concelleira e candidata do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez. “Impide desa forma a presentación de iniciativas e o labor de fiscalización por parte dos grupos políticos da oposición”, reprochou.
A candidata do BNG de Gondomar advertiu nese sentido das “graves” consecuencias de non convocar as sesión plenarias, deixando fóra do debate público asuntos de especial importancia. Entre eles, destacou «o problema das enchentes e as súas consecuencias no concello, que estaba comprometido para marzo após non se celebrar un Pleno extraordinario logo da negativa do Goberno municipal a facilitar acceso á documentación».
Do mesmo xeito, Rodríguez subliñou que está pendente de debate a moción do BNG para resolver a situación da auga en Vilaza, «que quedou fóra da última sesión porque o goberno non tivera tempo a estudar o tema». A nacionalista tamén alerta de que non haberá ocasión de abordar asuntos como os relativos ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no mes que corresponde a esta data sinalada.
Rodríguez criticou esta práctica «reiterada de Paco Ferreira«, que xa motivou durante o mandato unha «denuncia diante da Valedora do Pobo. É evidente que está máis ocupado en andar de evento en evento que cumprindo coas súas obrigas á fronte do Concello”, lamentou a edil nacionalista. “Se o alcalde non ten asuntos para convocar o Pleno, desde o BNG si temos propostas e iniciativas para mellorar a vida no noso concello”, rematou.