Na véspera do día das letras galegas, o BNG de Gondomar chama á veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación nacional pola lingua convocada por Queremos Galego para o sábado 17 de maio.
A plataforma de defensa da lingua anima a saír a rúa para contribuír a reverter a situación de emerxencia lingüística do galego, a “facer historia para mudar o rumbo da nosa lingua”.
A manifestación sairá ás 12h deste sábado 17M, Día das Letras Galegas, desde a Alameda de Compostela e rematará cunha grande foliada no Obradoiro. Para facilitar o desprazamento haberá autobús con saída da Ramallosa ás 9:45h, cun custo simbólico de 5€ e de balde para crianzas e persoas en desemprego.
Nesta edición búscase que o baile e as pandeiretas enchan as rúas para rematar na praza do Obradoiro nunha multitudinaria foliada pola lingua que será a grande homenaxe colectiva ás cantareiras e pandeireteiras, as que mantiveron viva a lingua a través da súa transmisión oral. “Por moito que a tentaron calar, a música galega rexorde unha e outra vez e con ela a nosa lingua”.
É por iso que desde Queremos Galego animan a que a xente acuda con pandeiretas, percusión e ánimo, para expresar cantando a forza do noso idioma. “Fagamos, tamén desde Baiona, Gondomar e Nigrán, que a mobilización deste 17 de maio sexa histórica e decisiva para impulsar a mudanza de rumbo que o galego precisa”, animan desde o BNG.
