Hosnysalah

O BNG chama á veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación convocada para este domingo 6 de outubro pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, en apoio ao pobo palestino e o pobo libanés e «en rexeitamento do xenocidio que o estado sionista de Israel está a perpetrar na zona».

A mobilización, que estaba convocada con antelación, cobra máis importancia diante dos ataques contra a pobo libanés, que xa se saldaron coa morte de máis de 700 persoas e que provoca unha situación de risco inminente dunha perigosa conflagración, con especial preocupación diante da invasión terrestre do sur do Líbano comezada nesta semana.

Ante a traumática situación de proporcións catastróficas para os pobos palestino e libanés que afecta a zona enteira do Medio Oriente así como o resto do mundo, debemos comprometernos a seguir demostrando a nosa solidariedade cos pobos palestino e libanés mediante a participación nos actos que se desenvolven ao longo de todo o país, defendendo o dereito do pobo palestino a dispor dun estado propio e esixindo o cesamento inmediato das agresións israelís e a procura activa dunha solución pacífica e negociada.

Así mesmo, demandamos a suspensión inmediata e total da venda e subministración de armamentos e outros materiais a Israel por parte dos todos os estados membros da Unión Europea, así como a rotura de relacións e o boicot económico o estado sionista.

O pasado 18 de setembro, a Asemblea Xeral da ONU adoptou por abafante maioría unha resolución para esixir a fin da ocupación dos territorios palestinos. Esta resolución “pide a Israel que poña fin sen demora á súa presenza ilegal nos territorios palestinos ocupados, incluído Xerusalén Este”. Esixe ademais, a Israel, que devolva as terras roubadas á poboación palestina, permita o retorno ás persoas desprazadas e proceda e reparar aos damnificados, e pide, ademais,  á comunidade internacional que non recoñeza as consecuencias territoriais, legais nin demográficas da ocupación de territorio palestino.

O BNG, como organización antiimperialista e antibelicista e que defende a solidariedade entre os pobos como piar da convivencia e a paz mundial, esixe o cumprimento deses acordos. É por iso que chama á participación masiva da veciñanza do Val Miñor  á manifestación nacional do domingo.

A mobilización sairá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela e para facilitar o desprazamento hai servizo de autobús, tamén desde o Val Miñor, con saída ás 9:45 horas. A viaxe ten un custe de 5€ e o teléfono para reserva de prazas é o 986 827 900.