O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a actitude do Alcalde de Gondomar por non dar resposta á petición da Valedora do Pobo.

Esta demándalle información sobre os problemas que motivan a queixa da Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, por non lle dar acceso á información sobre o saneamento, tanto no que ten a ver co servizo actual como o que se refire a proxectos futuros.

A Valedoría do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polo BNG ao entender que reúne os requisitos formais recollidos na Lei que a rexe. En consecuencia, iniciou as actuacións oportunas ante o Concello de Gondomar, requiríndolle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedoría do Pobo, lle facilitara a información sobre os problemas que motivan a queixa.

O Concello de Gondomar aínda non remitiu o informe demandado. O pasado día 4 requiríronllo novamente, recordando expresamente que tal envío resulta unha obriga legal, facéndolle saber que a negativa ou neglixencia de calquera organismo ou funcionario ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada pola Valedoría do Pobo de Galiza como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ao Parlamento.

Desde o BNG afirman que seguirán a insistir na solicitude de información porque “non é o BNG senón a veciñanza quen ten dereito a saber cal é realmente a situación”, e entenden que a acción do goberno “debe ser transparente e debe ser fiscalizada”. Para o Bloque o feito de que o goberno de Ferreira agoche esa información “é indicativo de que os datos virían demostrar que a dotación do servizo non foi a súa prioridade antes nin o está a ser agora”. 

Nesa liña, o BNG volve insistir en que o Concello destine ao saneamento os fondos do denominado Plan Extra da deputación. “O investimento de preto de un millón de euros neste servizo sería unha boa mostra de que o goberno local toma nota do que a veciñanza precisa”, afirma Rodríguez, en alusión ás demandas que está a trasladar a Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos.

A voceira do BNG de Gondomar volve insistir en que nas bases dese plan tamén encaixan os proxectos para o saneamento, “só hai que telo como prioritario e defendelo como estratéxico”.