O BNG de Gondomar denuncia de novo que o goberno municipal, «nomeadamente o Alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Igualdade e Tenente de Alcaldía, Nuria Lameiro, fai un grave deixamento de funcións ao non convocar a praza de asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) da vila, tras a xubilación da anterior avogada, e directora do CIM, o pasado 14 de marzo»

A asesoría xurídica do CIM é básica polo seu labor de asesoramento ás mulleres en materia legal, en especial ás que se atopan en situación de vulnerabilidade ou son vítimas de violencia machista. A falta deste servizo xera desprotección ás mulleres, ao tempo que sobrecarga de traballo á técnica de igualdade e á psicóloga, xa desbordadas pola actividade actual dadas as insuficientes horas de contratación dos seus postos. Tamén provoca a derivación da atención xurídica aos CIM de concellos limítrofes, co conseguinte prexuízo para o funcionamento destes e para as propias mulleres usuarias ao terse que desprazar.

A maiores, ao non contar o Servizo de Igualdade de Gondomar cun orzamento propio, a maioría das actividades que realiza dependen de subvencións doutras institucións. De non poder solicitalas en tempo e forma poderían perderse e isto impediría levar adiante moitas das accións do Plan de Igualdade. Neste sentido, o BNG manifesta a súa preocupación ante o remate do prazo, este luns 18 de abril, para que o Concello solicite a subvención para o CIM que concede a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Xa en xaneiro pasado, a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, denunciaba a falla de previsión do goberno local, que, coñecedor da inminente xubilación dunha funcionaria municipal, non iniciou en tempo o procedemento para a cobertura dunha praza tan esencial. “A demora na cobertura da praza de asesoría xurídica”, sinala agora Rodríguez, “vén confirmar a tónica xeral do desleixo dos gobernos local e galego con respecto ao servizo do CIM e ás políticas de igualdade: falla de orzamento propio, contratacións precarias e escasas para as necesidades do concello, espazos inadecuados”.

Rodríguez lembra que lle corresponde ao Goberno da Xunta garantir o financiamento, persoal e formación estábel e suficiente dos CIM, o que posibilitaría incrementar o tempo de contratación das traballadoras actuais e os medios de que dispoñen. Mais, advirte a voceira municipal do BNG, “a precariedade tamén é consecuencia da incapacidade do goberno local para aprobar un orzamento municipal propio por sétimo ano consecutivo. A incompetencia de Ferreira limita a acción política do concello á prorrogación dunhas contas do PP que xa eran deficientes no ano 2012, e impide a dotación de presuposto específico para a área local de Igualdade”.

O BNG insta aos gobernos do PP da Xunta e do PSOE de Ferreira a que desenvolvan xa as súas respectivas competencias, «de xeito que se poida ofrecer, en mellores condicións, a atención técnica, xurídica e psicolóxica necesaria a todas as mulleres de Gondomar que a precisen».