O BNG de Gondomar denuncia que o goberno de Ferreira segue a priorizar o estético sobre o necesario. Neste ano, dos fondos da deputación que lle corresponden ao concello, “Ferreira destina máis de 1,8 millóns de euros a humanizacións e apenas 150 mil euros a servizos básicos municipais como solicitou o BNG e lle está a demandar a veciñanza”, indica a portavoz nacionalista Manuela Rodríguez .
Así, os 900mil€ do Plan extra da Deputación de Pontevedra, máis outros 300mil€ do plan de obras e servizos (POS), foron destinados á mellora do entorno da igrexa de Donas. E outros 650mil€ do POS vainos investir en reformar á avenida do Conde en Gondomar. “Case dous millóns de euros en actuacións que non son prioritarias fronte aos escasos 150mil euros destinados a obras relacionadas co saneamento”, sinala Rodríguez.
O BNG lamenta que desde a Deputación non se fixeran valer as bases das distintas liñas de axudas. Unhas bases que recollen que están dirixidas a financiar proxectos que sirvan aos concellos para acadar a ‘igualdade na prestación dos servizos’ de competencia municipal. Pola contra, o goberno provincial non só admite as propostas do Concello de Gondomar senón que mesmo “se veñen gabar dos investimentos, como puidemos ver nas fotos do deputado Almuíña acompañado pola portavoz do PP local Paula Bouzós”.
Máis unha vez o goberno local do PSOE, co visto bo do PP provincial, puxo por diante o estético cando “no noso concello hai outras necesidades máis urxentes como dotar de beirarrúas a estrada principal de Borreiros ou de saneamento ás máis de 3.000 vivendas que non o teñen”, afirma Rodríguez.
