O BNG de Gondomar denuncia un vertido de fecais no río Miñor, no centro da vila
CEDIDA

O BNG de Gondomar vai reclamar do Concello que se arranxe con carácter de urxencia o saneamento ao seu paso polo centro da vila de Gondomar, e que se avalíen os danos do verquido producido esta fin de semana. Este sábado 28, o BNG comprobou como no centro da vila, na ponte sobre o río Morgadáns nas inmediacións do parque das Ánimas, o saneamento vertía directamente sobre o río.

Arestora, o dano producido é irreparábel, agravado pola redución do caudal do río propia do verán, o que pode incidir na mortalidade da flora e da fauna do Morgadáns e do Miñor ao seu paso pola vila, nunha zona especialmente concorrida. Descoñecemos cales foron as causas que levaron a esa situación, mais consideramos que non existe xustificación posíbel, pois ante unha avaría no saneamento, cómpre realizar as tarefas necesarias, urxentes e extraordinarias, até solucionar o problema ao 100%, sen que se produza ningún tipo de vertido, pois en canto este se inicie o dano é irreversíbel.

Resulta inaudito que, mentres se realizan diversas tarefas de acondicionamento da vila e se presume na redes sociais de estar arranxado determinados espazos, se descoiden tan gravemente cuestións medioambientais e de saúde pública que tamén inciden, e moito, na imaxe de Gondomar. Pois para alén do impacto visual, está tamén o olfactivo, xa que o fedor na zona era nauseabundo.

O BNG esixe publicamente que se solucione esta situación e pide que desde o goberno local e, nomeadamente, a Concellaría de Medioambiente, se dean as explicacións oportunas sobre o sucedido e se depuren responsabilidades.