O BNG de Gondomar lamenta que o goberno de Ferreira «volva deixar as parroquias sen iluminación de Nadal». Malia as declaracións do alcalde de que «este ano a decoración chega a todas as parroquias e barrios do concello», e que xa hai unha semana que se inaugurou na vila, nas restantes nove parroquias as luces “brillan pola súa ausencia».
En opinión do BNG, «este é un novo capítulo do plaxio do modelo vigués de Caballero por parte de Ferreira: iluminar e decorar só os espazos e edificios públicos mais significativos e as principais rúas do centro da vila, deixando as parroquias ás escuras”.
A outra «sombra da iluminación do nadal é a agresión ambiental ao liquidámbar que, cada ano e por capricho do alcalde, transforman en arbol rojo”, traslada a voceira do BNG Manuela Rodríguez. “No canto de podar salvaxemente esa árbore para a converter nun mero soporte decorativo no que chantar millentas luciñas vermellas, ben puido distribuír os 2.100 metros de leds entre as 10 parroquias do concello”, apunta.
Para o BNG é unha mágoa que, ao igual que cos servizos municipais, o goberno de Ferreira «non teña en conta as parroquias nin sequera nestas datas. É lamentable”, traslada Rodríguez, “que tamén para as festas o goberno local deixe ‘apagadas’ as parroquias”.
