O Bloque Nacionalista Galego propón un Consello Municipal do Comercio Local e do Consumo en Gondomar para escoitar as necesidades e demandas do sector. A organización nacionalista considera necesario contar con este órgano consultivo para fomentar unha maior participación do tecido comercial e dos seus axentes locais nas decisións do Concello.

“Esta proposta busca abrir un espazo de traballo estábel que potencie a calidade e a competitividade do noso comercio de proximidade, que o dinamice, á vez que facilite o desenvolvemento adecuado, continuo e ordenado que precisa”, defendeu a portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez.

Esta medida é un dos acordos logrados polo Bloque para desbloquear a adxudicación do proxecto de humanización da Praza Manuel Alonso. Un acordo que inclúe, entre outras cuestións, «o compromiso do Goberno municipal para minimizar o impacto das obras e permitir o correcto funcionamento dos servizos e dos negocios da contorna. Nese sentido acordouse que os traballos non comecen até despois de Reis, precisamente para non interferir na campaña comercial do Nadal».

As melloras incluídas polo BNG para mellorar este proxecto recollen propostas da veciñanza e do tecido comercial de Gondomar afectados: mantemento do tráfico por Manuel Losada, novo aparcadoiro ou o establecemento de zonas de aparcamento regulado”, destacou Rodríguez, que salientou a importancia de favorecer un diálogo continuo entre a Administración Local e os axentes locais, entidades e colectivos do sector na localidade.

Entre os obxectivos deste Consello Municipal do Comercio Local e do Consumo, a voceira nacionalista asegurou que «permitirá elaborar propostas para futuros plans, proxectos e iniciativas de actuación municipal«. Porque en Gondomar, «malia o continuado peche de negocios, levamos anos sen verdadeiras iniciativas políticas para evitar o seu desmantelamento”, lamentou Rodríguez.“E o comercio de proximidade é un actor vital para dinamizar a vida no noso concello, con emprego estábel e produtos de calidade”, salientou.