O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta e ao Concello de Gondomar que garantan o servizo de comedor escolar en todas as aulas do Colexio Rural Agrupado (CRA) Antía Cal, após recibir as familias do alumnado da aula de Peitieiros, que usaban o comedor do CEP Neira Vilas pola proximidade deste, unha circular da dirección do centro advertindo do risco de perder o servizo.

A fronte nacionalista vén de presentar unha moción de urxencia ao Pleno municipal, convocado para este xoves, para instar ao goberno de Paco Ferreira a que aclare a situación e para esixir da Xunta que o servizo sexa universal en todos os centros do concellos.

“A día de hoxe as familias aínda non teñen información directa nin da Xunta nin do Concello que confirme se van poder seguir facendo uso do comedor do Neira Vilas de Peitieiros como viñan facendo nos últimos anos”, declarou a concelleira do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, que criticou que a concelleira de Educación rexeitara até o momento manter unha reunión coas familias, tal como lle veñen demandando.

Rodríguez urxe ao Concello de Gondomar a aclarar canto antes a situación e agarda que se trate só dun malentendido, pois o decreto polo que a Xunta pasa a xestionar os comedores escolares o próximo curso 2022/2023 garante este servizo en todos os centros, tamén aos de segundo ciclo de educación infantil. Incluso, apuntou a edil nacionalista, o decreto contempla que naquelas escolas onde as circunstancias non permitan a prestación directa do servizo, a Xunta “poderá contratar menús con establecementos de restauración abertos ao público”.

A concelleira do BNG propuxo esta última fórmula como solución para o alumnado do CRA Antía Cal das aulas de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza. “A escola pública debe garantir o dereito ao servizo de comedor a todas as familias, sen excepcións, aínda que, neste caso e até agora, sempre ficaron excluídas, dado que o goberno local non incluía esas aulas no convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a prestación do servizo”, explicou.

Diante destas incertezas, Rodríguez subliñou que “algunhas familias están a pensar en cambiar as súas crianzas de colexio, mesmo de fóra do noso concello”. Por estes motivos, demandará no Pleno unha aclaración urxente do goberno de Paco Ferreira “porque Gondomar non debe permitir a perda de servizos nin de alumnado”.