O BNG reclama ao Goberno local que dote de conexión individualizada co saneamento municipal a cada bloque de vivendas dos números 9, 11 e 13 da rúa Avenida do Conde, «tal como teñen solicitado en reiteradas ocasións os veciños deses edificios».
«Eses inmóbeis, situados en pleno centro da vila e que ían ser inicialmente pisos de iniciativa privada cunha soa vivenda por cada unha das tres plantas, acabaron reconvertidos en vivendas sociais con dous pisos por altura e tamén nos baixos, nos bloques 11 e 13, e de tres por altura e dúas no baixo no caso do portal 9. Así, o que nun principio ían ser 9 vivendas pasaron a se converter en 27, sen que as conducións de augas residuais foran dimensionadas para ese número de vivendas», argumentan dende o BNG.
A concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, denunciou a ese respecto que «as 27 vivendas verten na actualidade a un único colector de fecais que resulta insuficiente para ese volume». Ademais, advertiu do risco de colapso do cano, «que xa ten causado problemas de evacuación e saída de augas residuais nas vivendas máis baixas, sobre todo en momentos de moita choiva por no estar separada a recollida de pluviais das augas fecais».
Rodríguez lamentou que os veciños continúen sen solución «a eses defectos máis de 30 anos despois da súa construción en rexime de promocion pública». Nos últimos anos, explicou, trasladaron ao Concello a proposta de conectar cada un dos tres bloques de vivendas de xeito separado ao saneamento municipal (como aparece na foto anexa). A última resposta que recibiron foi «que só estaba pendente dun permiso de tráfico pero diso hai xa máis de ano e medio”, cuestionou a edil do BNG.
A candidata nacionalista asegurou que dende o BNG solicitaron información no Concello a respecto desa posible actuación e “non consta nada”. Por ese motivo, explicou, presentaron unha moción para instar ao concello a acordar cos propietarios das vivendas a solución máis áxil e acaida a estes problemas.