O BNG de Gondomar recolle, na súa sede no centro da Vila, alegacións contra o proxecto de Altri. A recollida contra o que califican como “unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza” desenvolverase desde este sábado 13 até o mércores 17, data en que remata o prazo de alegacións.

O Bloque súmase así á ofensiva veciñal para impedir que se materialice o proxecto de Altri en Palas de Rei, unha “auténtico desastre ambiental” que de se levar adiante causará un enorme prexuízo ambiental e socioeconómico na súa contorna.

Pretenden instalar en Galiza unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denuncia o BNG, “cun enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón tamén en toda a contorna.

“É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis prezado que temos, a auga”, apuntan. «Porque a pasteira precisaría, segundo a propia empresa, uns 535 litros de auga por segundo, e vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga, logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial”, explican. Un río que desemboca na ría de Arousa “da que comen máis de 4.000 familias e que produce máis do 70% do mexillón de Galiza”.

A megafábrica de ALTRI tamén precisaría 1.2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano na primeira fase, e máis de 2 millóns cando estivese a pleno rendemento, o que provocaría aínda máis eucaliptización no País.

Ademais do impacto ambiental directo coa contaminación das augas e do ar, do impacto no ámbito paisaxístico, no patrimonio natural e a biodiversidade, o megacomplexo industrial tería un impacto moi negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna.

Por todas esas razóns, desde o BNG “manifestamos o noso rexeitamento rotundo a este megaproxecto e animamos á veciñanza do Val Miñor a se sumar á campaña de recollida de alegacións contra esta bomba ambiental e en defensa dun medio e dun rural vivos, produtivos e con futuro”.

Días e horas de recollida:

Luns 15 e martes 16:

  • De 12:00 a 13:00 horas

Sábado 13, luns 15, martes 16 e mércores 17:

  • De 18:00 a 20:00 horas