O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar ven de escoller a súa nova dirección por acordo unánime da asemblea local. A organizaciónnacionalista renova os seus cargos locais co reto de seguir alargando a súa base social cara as próximas eleccións municipais de 2023, que encaran co obxectivo de se converter nunha forza determinante no concello.
A asemblea local elixiu a Xosé Lois Ruiz como responsábel local, relevando nese cargo organizativo a Manuela Rodríguez, a Portavoz Municipal do Bloque que seguirá ao fronte da Acción Municipal Institucional.
A nova dirección contará ademais na área organizativa con Marta Dacosta, como vice-responsábel local, e con David Rivas no cargo de responsábel de organización; na área de Acción Feminista con Mercedes Fernández, como responsábel, e Ana Bringas; na Área de Mocidade con Pablo Durán, responsábel local de Galiza Nova, e con Nuria Alonso; e na de Acción Social con Mercedes Domínguez, Alfredo López, Álvaro Lores e Ángel Pérez.
No que se refire á acción política na localidade, o BNG continuará a desenvolver iniciativas encamiñadas a mellorar a vida da veciñanza nos asuntos que a esta lle importan. Accións que na súa maioría xorden de escoitar as demandas que trasladan as propias veciñas e veciños, para lles dar voz na vida municipal, impulsando a participación social que obrigue a atender os problemas reais das persoas por diante dos investimentos estéticos ou propagandísticos, e a practicar o consenso e a transparencia no canto da imposición e o escurantismo. Nese sentido se expresa Xosé Lois Ruiz, novo responsábel local: “es o obxectivo do BNG, seguirmos a traballar arreo en todos os eidos, como até agora, para acadar benestar e vida digna para a veciñanza de Gondomar”.