ALFREDO

O BNG de Gondomar rexeita o convenio para o desenvolvemento da II fase do proxecto de urbanización do polígono da Pasaxe que o goberno local vai asinar este luns co Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) por consideralo un acordo lesivo para os intereses do Concello.

En palabras da portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, “máis que un convenio urbanístico de concertación de vontades para a consecución dun beneficio mutuo, é realmente un acordo de parte, un contrato leonino onde as vantaxes están do lado de Zona Franca”.

Desde a organización nacionalista lamentan que o Alcalde, Paco Ferreria, «non estimara retirar esa proposta para poder renegociar os termos co CZFV e convertela nun acordo beneficioso para Gondomar, tal como lle solicitaron no debate plenario».

Un mal negocio para o Concello

O BNG ve no mal chamado ‘convenio’ un mal negocio para o Concello, visión que se reforza co recollido no informe presentado polo departamento de intervención municipal, “un informe demoledor que o Alcalde non foi quen de refutar”, lembra Rodríguez.

Segundo o BNG, o texto recolle que se lle cede gratuitamente o aproveitamento de todo o chan urbanizable á CZFV como promotor, sen reservar o 10% que por lei lle correspondería ao Concello como propietario e que este podería dedicar á instalación de equipamento dotacional municipal.

Consideran desde o Bloque, ademais, que o contrato a asinar non garante en ningún momento que o convenio vaia ser financeiramente sostible para o Concello de Gondomar, quer dicir, «se este vai ter capacidade para cubrir os compromisos asumidos durante a vixencia dun convenio que establece como límite temporal unha duración de catro anos con posibilidade de prórroga por catro máis».

Así, indican que o documento contempla que o Concello compensará economicamente a CZFV pola súa xestión e financiamento cunha cantidade equivalente ao importe das taxas e impostos municipais sobre as obras promovidas. É dicir, «que o Concello non só non cobrará eses importes correspondentes ás obras, senón que vai pagar parte delas».

Así mesmo, o Concello deberá garantir o abastecemento de auga, así como o resto das conexións e servizos exteriores para o desenvolvemento desta fase, con cargo ás arcas municipais; e elaborará e xestionará os trámites de acordos ou expropiacións, así como os procedementos administrativos necesarios en caso de incumprimento (apremios, embargos), que o Concello ten delegado no ORAL e que tamén suporán un custe engadido.

«E para por o ramo a semellante acordo, recolle tamén que no caso de que se produza unha paralización por causas imputables ao Concello, sen indicar cales, este asume o deber de indemnizar ao CZFV coa cantidade que este levara pagado até ese momento. Polo que, de haber paralización e tendo en conta que o proxecto de execución das obras podería acadar até os 26 millóns de euros, este Concello podería non ter capacidade financeira para lle facer fronte á indemnización«, sinala Manuela Rodríguez.

Velaí as razóns polas que o Bloque Nacionalista de Gondomar votou en contra da sinatura dese convenio”,  explica Manuela Rodríguez. E engade que, «lonxe do que pretende facer crer o Sr. Ferreira, o BNG non rexeita o proxecto de desenvolvemento da II fase do proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe, o que rexeitamos é este mal negocio e lamentamos ter un goberno incapaz de lograr un acordo realmente beneficioso para o Concello de Gondomar”.