CEIP Serra de Vincios
ALFREDO // CEIP Serra de Vincios

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Gondomar, a través da súa Portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno do Concello de Gondomar respecto do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-2021, elaborado polo Partido Popular.

Un protocolo ante o que, de maneira clara e unánime, as organizacións sindicais do ensino e as Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPAs), así como moitos concellos, amosaron o seu rexeitamento e cuxa proposta foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas e os recursos necesarios para a súa implantación.

O protocolo prima os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impón a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo dos centros e ao profesorado, ás nais e aos pais, e tamén aos Concellos que deberán facerse cargo da prestación e sobrecusto de certos servizos. Todo sen que a propia Xunta de Galiza, que é quen ten as competencias en materia sanitaria e educativa, asuma ningunha delas”, afirma a concelleira do BNG.

Un protocolo feito ás costas da comunidade educativa e dos concellos

Un protocolo no que a Consellaría que non ten en conta os criterios establecidos como norma para o resto da poboación, nin no que ten a ver co distanciamento físico nin cos aforos. Que non contempla ningún tipo de complemento económico, nin a contratación de máis persoal docente, imprescindible para reducir o número de alumnado por aula. Nin persoal non docente, ninmedios de transporte, nin recursos de reforzo. Que non recolle medidas específicas de ningún tipo para o alumnado denecesidades educativas especiais, o máis afectado durante o confinamento. Que tampouco adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital de acceso, a formación do profesorado e alumnado, ou a achega de materiais para ter garantida a educación universal para todos os nenos e nenas.

A maiores, e desde o punto de vista municipal e malia non teren os concellos competencias en Educación nin en Sanidade, estes están abocados a realizaren os traballos de limpeza extraordinaria que o Protocolo establece para os centros non universitarios durante o desenvolvemento da xornada educativa e que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte do Concello.

O Protocolo tamén regula as condicións nas que se deben prestar as actividades extraescolares, o Plan Madruga e os comedores escolares. Algunhas ANPAs manifestaron a súa disposición a seguiren prestando estes servizos, imprescindibles para facilitar a conciliación familiar e laboral, sempre e cando por parte da Xunta se garanta a súa universalidade e o financiamento do sobrecusto.

Para o BNG a educación e a sanidade son aspectos fundamentais para o funcionamento da sociedade. En palabras da Portavoz Municipal “a Xunta de Galiza, ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, non pode desentenderse da totalidade da comunidade educativa, facendo recaer sobre ela a responsabilidade da súa xestión, nin dos Concellos abrigádoos a financiar o sobrecusto”.

Proposta de acordos a tomar polo Pleno Municipal

Ante esta situación, o BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:

  1. Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID-19 para o ensino e apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
  2. Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste Concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecusto.
  3. Apoiar as reivindicacións das ANPAs do noso concello instando á Xunta de Galiza a abrir con urxencia un diálogo que permita resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores escolares e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.
  4. Apoiar a reivindicacións sindicais do profesorado, nomeadamente o incremento de recursos e de persoal docente, e a redución das ratios.
  5. Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.
  6. Instar á Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para reducir a fenda dixital de alumnado e profesorado mellorando o servizo de conexión a internet para garantir a o acceso tanto nos centros escolares e como nos fogares, tamén no noso concello, e dotando aos centros co material informático necesario para profesorado e alumnado.