O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa portavoz municipal Manuela Rodríguez, vén de solicitar a convocatoria inmediata da Comisión informativa especial de asesoramento e seguimento do PXOM, co obxecto de que o Alcalde explique os ‘supostos avances’ na redacción do Plan Xeral de Gondomar.

A devandita comisión, creada en xullo de 2023, está constituída por representantes de toda a corporación municipal e contaría coa participación do corpo técnico municipal e da equipa redactora do Plan. Malia que o seu obxecto é o de realizar o seguimento e a fiscalización das xestións do Goberno local en materia de urbanismo, e máis concretamente sobre o PXOM, a comisión nunca foi convocada, nin neste mandato nin no anterior.

A organización nacionalista denuncia “o ocultamento dos traballos realizados e o feito de que o Sr Paco Ferreira substitúa os órganos colexiados pola súa páxina de Facebook”, critica Rodríguez. Faino ao fío do publicado hai uns días na rede social do alcalde, en que este fala dos ‘presuntos progresos’ de cara a aprobación inicial do PXOM, máis unha vez, “de costas á corporación municipal, que é precisamente de quen finalmente dependerá a súa aprobación ou non”, recrimina a concelleira.

Desde o BNG denuncian tamén a parálise do goberno local no desenvolvemento da normativa urbanística, a pesar da propaganda do alcalde. “Leva seis anos anunciando a aprobación inicial do plan xeral, pero non pasa do anuncio”, critica Rodríguez, e lembra que, en outubro de 2020, Ferreira dicía que a aprobación inicial sería no primeiro trimestre de 2021, e non foi. En xuño de 2021 apuntaba ao outono dese ano, e tampouco. Posteriormente, en plena campaña electoral de maio de 2023, volvía prometer a aprobación inicial xa para o verán; así até chegar a febreiro do ano pasado, cando a situaba a finais de 2025. “E así seguimos, sen convocar e sen aprobar, como nun continuado ‘día da marmota’”, lamenta.

Para o Bloque resulta obvia a “nula xestión” do goberno Ferreira no referido ao PXOM e consideran que “esa é verdadeira a razón da súa negativa a convocar a comisión de seguimento”, lamenta a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A participación social no deseño do PXOM

Para o BNG a participación da veciñanza e das entidades que a representan é a mellor garantía para deseñar «un planteamento ao servizo dos intereses da maioría social. Mais o goberno de Ferreira oponse á creación do Consello Sectorial de Urbanismo, solicitado pola organización nacionalista para dar cabida á participación veciñal no deseño do futuro plan xeral de ordenación municipal de Gondomar. Unha proposta acorde co modelo de concellos democráticos, transparentes e participativos que o BNG defende».

Como exemplo, para un concello como Gondomar onde a oferta de vivenda para compra ou alugueiro é cara e escasa, a proposta do goberno do PSOE de Ferreira no borrador do PXOM, do ano 2020, establecía unha reserva insignificante de vivenda de promoción pública, indo ao mínimo permitido.

Para o BNG só a participación, previa á aprobación inicial do PXOM, pode garantir darlle ao documento ‘unha visión social’ do planeamento previsto, un urbanismo que faga prevalecer o interese público sobre os intereses especulativos e que facilite o acceso á vivenda ás persoas mozas e ás familias traballadoras a prezos asequibles de venda ou alugueiro. “De aí a importancia do Consello sectorial”, insiste a voceira do BNG.