O Pleno do Concello de Nigrán, cos únicos votos favorábeis da maioría do goberno, aprobou a adxudicación a Prezero España, S.A.U., actual concesionaria do servizo, do contrato de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, por un importe global de case 30 millóns de euros e dez anos de duración, «o que sitúa o prezo do contrato cerca dos 3 millóns anuais«, indican dende o BNG.

«Este importe supón incrementar arredor dun 50% a cantidade a pagar polo concello, exactamente igual que ocorreu no ano 2004, cando a mesma empresa, entón baixo a denominación de CESPA, conseguiu unha polémica adxudicación que aumentaba un 52% o prezo do anterior contrato«, sinalan os nacionalistas.

Segundo apuntan, esta licitación resólvese despois de que, tras a decisiva denuncia pública feita polo BNG, «fose excluída a empresa que inicialmente contaba coa mellor valoración e se apartase a consultora externa que a realizou, ao demostrarse que incumpría os pregos de contratación pese ao intento do goberno municipal por favorecela«. Non obstante, «malia ser restaurada a limpeza do proceso coa valoración das ofertas por funcionarios municipais, non se evitou o pecado orixinal do prego de cláusulas administrativas particulares, realizado no seu día pola consultora externa Into Consulting».

Aseguran que en numerosas ocasións «os técnicos advertiron do exceso de frecuencias de recollida de residuos e da súa ineficacia, e tales advertencias foron deliberadamente ignoradas». Os informes sinalan que as «frecuencias son desmesuradas e que supoñen un custe innecesariamente inflado para as arcas municipais«. Este custe será trasladado inevitablemente ao «recibo do lixo«, que «podería subir máis do dobre» que o importe actual. Previsiblemente o goberno, consciente da polémica xerada, «tratará de atrasar a suba ata despois das próximas eleccións municipais, pero indefectiblemente terá que rematar realizándose».

Por estas razóns o BNG non só votou en contra da adxudicación, senón que «defendeu que o Pleno debera declarar a lesividade do prego de contratación e anular a licitación, elaborando un novo prego que recollera as advertencias técnicas que sinalaban o oneroso e innecesario das frecuencias mínimas establecidas e, en consecuencia, rebaixando o prezo base de licitación«. Por outra banda sería unha excelente oportunidade para «retirar do contrato a limpeza de praias e estudar a súa realización con medios propios», o que sen dúbida sería máis barato e probablemente máis eficiente.

En palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez, “parece que unha vez adxudicado o contrato á actual concesionaria xa non hai ningún problema, todo o mundo está calado, pois si, si o hai, un contrato inflado que pagaremos antes ou despois toda a veciñanza de Nigrán”.