O Bloque Nacionalista Galego de Nigrán manifesta a súa plena solidariedade co persoal do servizo municipal de recollida de lixo, que leva cinco anos sen percibir os atrasos salariais que legalmente lles corresponden.

Para o BNG, esta problemática é absolutamente inadmisible e evidencia unha grave irresponsabilidade por parte do goberno municipal. Estamos diante dun incumprimento flagrante dos dereitos laborais, que afecta á dignidade das traballadoras e traballadores e pon en risco a calidade dun servizo esencial para a veciñanza.

O BNG de Nigrán reclama:

  • O pagamento inmediato de todos os atrasos salariais acumulados.
  • A apertura dun proceso de negociación transparente co persoal afectado e a súa representación sindical.
  • Depuración de responsabilidades políticas pola pasividade e mala xestión que permitiron prolongar este conflito durante cinco anos.
  • Un novo modelo de contratación e xestión do servizo que garanta o cumprimento das obrigas laborais e a prestación de servizos públicos de calidade.

O BNG de Nigrán reitera que seguirá defendendo un modelo de xestión pública e directa do servizo de recollida de lixo, que garanta estabilidade laboral, respecto polos dereitos das traballadoras e traballadores, e unha maior eficiencia na prestación dun servizo básico para a veciñanza.

Esta situación volve poñer en evidencia a ineptitude do goberno municipal do PSOE de Nigrán, incapaz de sacar adiante unha concesión tan importante coma a do servizo de recollida de lixo, e ao mesmo tempo deixa claro que a estratexia de bloqueo e guerra partidista do PP de Nigrán cos recursos non fai máis que atrasar solucións urxentes e prexudicar á veciñanza.

O dereito a cobrar polo traballo realizado é irrenunciable e non admite máis atrasos nin escusas. Esiximos que o Goberno local actúe de inmediato para poñer fin a esta situación de inxustiza”, sinalan desde a organización nacionalista.

O BNG de Nigrán mantén o seu compromiso de estar ao carón do persoal do servizo, impulsando todas as accións necesarias ata lograr unha solución xusta e definitiva.