Desde o BNG de Nigrán valoran que se habiliten alternativas de estacionamento fóra da primeira liña de costa, como o novo aparcadoiro provisional de máis de 6.000 m² en Praia América, recentemente anunciado polo Concello. «Esta actuación ofrece a oportunidade de dar pasos valentes cara a un modelo máis sostible e respectuoso co noso litoral«, sinalan.
Por iso, o BNG insta ao goberno municipal a aproveitar esta nova infraestrutura para retirar canto antes os vehículos do bordo litoral, nomeadamente do aparcadoiro situado entre Monte Lourido e A Fonte Seca, tal e como se recollía na moción presentada polo BNG e aprobada no pleno do mes de marzo de 2024.
«A devandita moción apostaba pola rexeneración ambiental do extremo sur do areal de Lourido, recuperando ese espazo como parte do ecosistema costeiro e devolvéndollo ao uso público e familiar, afastado do tráfico e do estacionamento. Porén, a día de hoxe, o goberno local segue sen executar nin un só dos puntos acordados», explican os nacionalistas.
Os nacionalistas explican que agora que existe unha nova superficie de estacionamento en segunda liña, non hai escusa para manter os coches invadindo espazos naturais e sociais tan sensibles.
«Desde o BNG reclamamos que se dea cumprimento inmediato ao acordo adoptado e se inicien as actuacións para eliminar os aparcadoiros fronte á praia, comezando pola zona entre Monte Lourido e A Fonte Seca. Nigrán merecen un litoral vivo, coidado e posto ao servizo das persoas, non dos vehículos», rematan.
