ALFREDO

Xavier Rodríguez Fernández, Portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego  (BNG) en Nigrán, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte Moción para o seu debate no Pleno da corporación.

Exposición de motivos:

Os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constataron a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Esta situación, que podemos cualificar de emerxencia, é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte. Neste período prohibiuse impartir en galego  varias materias no sistema educativo (caso único en Europa), eliminouse practicamente o acceso das crianzas á lectoescritura en galego na rede de escolas infantís ou desapareceu a oferta da programación infantil ampla e actualizada na TVG, entre outras moitas medidas contra o galego na administración, na xustiza, no audiovisual e medios de comunicación, e nas actividades comerciais e económicas.

Consideramos, por suposto, que esta situación do noso idioma é reversíbel. O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións. O futuro do galego depende da nosa vontade colectiva como galegos e galegas.

Cando fai dos mandatos o BNG resultou decisivo para aprobar os orzamentos do concello, esixiu e conseguiu, entre outras cousas, que se puxese en marcha un servizo de normalización lingüística ao abeiro das convocatorias que realiza a Deputación de Pontevedra. Este servizo foi realmente proveitoso, tanto polos materiais editados como pola colaboración con centros educativos ou a elaboración da primeira ordenanza de normalización lingüística de Nigrán. A pesares disto, a falta de convicción, xunguida co desleixo e adornada coa maioría absoluta que llelo permite, fixo que o goberno municipal deixara de acudir ás convocatorias de subvencións e prescindise do servizo.

Hai moitos aspectos sobre os que incidir e, claramente, a existencia de persoal específico axuda a actuar sobre eles.

O concello de Nigrán oferta cursos de castelán. É unha medida loable, pero aínda mellor sería que se impartisen as dúas linguas oficiais neste territorio se buscásemos unha verdadeira integración. Non é ningunha novidade, xa o fan varios concellos cos seus cursos de benvida cun notábel éxito. É desexábel e útil para quen vén traballar con nós que entendan a quen se expresa na nosa lingua.

Isto obriga a tomarse en serio a promoción do galego e non abordalo coma un adorno, tal e como sucede coas actividades subvencionadas polo Concello de Nigrán. A utilización da lingua galega é un dos criterios a valorar nas convocatorias de subvencións de actividades culturais, deportivas e festeiras pero non existe control ningún. Practicamente a totalidade das solicitudes afirman desenvolver na nosa lingua os seus eventos. A realidade é que non é así, pero isto non ten ningunha consecuencia. A mesma situación podemos observala coa prensa á que está subscrita o concello, tanto para a casa consistorial como para a biblioteca, exclusivamente con xornais en castelán. Tamén coa sinalización en instalacións municipais ou nas vías públicas, da que de xeito habitual se exclúe ao galego.

Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo Pleno deste Concello esta moción, propondo a adopción dos seguintes:

Acordos:

  1. O concello revisará a súa actuación en materia lingüística e a adaptará ao previsto legalmente, tendo en conta a súa condición de “lingua propia de Galiza” (Estatuto de Autonomía, artigo 5), e o establecido nos preceptos aprobados por unanimidade das forzas políticas: Lei de Normalización Lingüística (1983), e Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
  2. Particularmente o Pleno do Concello acorda instar ao goberno municipal á volver a acudir ás convocatorias de subvencións, ben sexan da Deputación de Pontevedra ou da Xunta de Galicia, destinadas á creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística das entidades locais.
  3. Asemade, o Pleno do Concello insta ao goberno municipal a establecer un control aleatorio sobre a lingua na que se desenvolven actividades subvencionadas con fondos municipais, así como a evitar a exclusión da lingua galega de entre os xornais aos que se subscribe ou das sinalizacións, permanentes ou temporais, que realiza.