O Portavoz Municipal do BNG no concello de Oia, Xosé Antón Rodríguez, defendeu no pleno do concello o rexeitamento do Concello de Oia ao megaproxecto eólico previsto no Galiñeiro, a Groba e o Merendón, que foi aprobado pola corporación municipal.

En palabras do concelleiro nacionalista, “o sistema de implantación de parque eólicos que defende a actual Xunta de Galicia ten demostrado que non favorece nin a fixación de poboación, nin a promoción de emprego nin a mellora significativa do servizo eléctrico nin dos custes da electricidade, e este megaproxecto non vai ser unha excepción”.

Xosé Antón tamén foi crítico co xeito de tramitación deste mega-parque eólico, “para evitar a complexa tramitación dun parque eólico de potencia superior a 50 MW, na serra da Groba proxéctanse instalar 6 miniparques de menor tamaño, o que evita a esixencia dunha Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), obrigatoria para todos os plans e proxectos de carácter supramunicipal tal e como establecen as directivas europeas. A subdivisión dos parques nestas unidades máis pequenas constitúe claramente unha burla de lei que vulnera as directivas europeas e dificulta a participación pública da cidadanía na tramitación destes parques”.

Na mesma moción do Bloque Nacionalista Galego foi aprobado instar á Xunta de Galicia a declarar espazo protexido na rede natura o Galiñeiro, a Groba e o monte da Valga e promover políticas orientadas á protección da paisaxe e o medio ambiente.