centro de salud de Oia
ALFREDO // Centro de salud de Oia

O BNG de Oia presentou unha moción que consistía en solicitarlle á consellería de sanidade (SERGAS) o restablecemento do servizo de pediatría no centro de saúde da localidade. Dita moción foi aprobada por unanimidade por toda a corporación municipal no pleno celebrado o pasado xoves 26 de novembro.

“Comprendemos dende o BNG a complexidade da situación sanitaria derivada da pandemia provocada pola COVID19, máis consideramos que pasou tempo abondo para que o Sergas solucionara a substitución da pediatra que lle corresponde ao noso municipio”, apuntan dende o partido nacionalista.

Sinalan que os pais e nais de Oia teñen dereito ao servizo de pediatría no seu centro e non teñen porque desprazarse ata A Guarda. “Non vale a escusa de que a sala de pediatría está para atender os casos da COVID19. O centro de Oia é un edificio de recente construción para podelo adaptar a nova situación”, matizan.

Esperan e desexan que se respecte e cumpra este acordo, porque, de non ser así “daremos un paso adiante e tomaremos outro tipo de medidas. O BNG de Oia ten un compromiso con tódolos veciños do Concello na defensa do seu dereito a ter uns servizos dignos”, finalizan.