O SERGAS segue sen retomar o servizo no consultorio de Goián, o cal decidiu pechar no ano 2020 con motivo da crise do COVID, trasladando o servizo ao centro de saúde de Tomiño.

Nunha visita recente ás instalacións, o deputado do BNG Luís Bará, xunto co responsable local da organización, Manuel Fernández, o tenente de alcalde, Uxío Benítez e as concelleiras Cristina Martínez e Ana Belén Casaleiro, veñen de denunciar ante o Parlamento Galego a situación de parálise que hai entorno a reapertura do centro, cando o seu peche só era unha medida temporal que se subsanaría unha vez superada a pandemia.

Con data de decembro de 2022, a Xerencia da Área de Vigo comunica ao Concello a necesidade de dispor dun novo inmoble que cumprise cos parámetros da nova guía de protocolos por mor da pandemia. Así, de xeito inmediato, o equipo de goberno de Tomiño comezou a traballar para conseguir no menor tempo posible un novo espazo que cumprise co requirido e, tras localizalo e emprender as obras necesarias, só 3 meses despois, o 31 de marzo de 2023, puxo a disposición da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo un novo inmoble.

Dende ese momento, o Concello paga cada mes o alugueiro do local, que ascende a 630,15€, e máis os suministros correspondentes, que xa suman máis de 20.000 €, sen que o SERGAS teña provisto de persoal sanitario ao centro, seguindo o servizo interrompido.

Por todo isto, o BNG de Tomiño, por mediación do deputado Luís Bará, presentou unha iniciativa parlamentaria esixindo a reposición de todos os servizos médicos en Tomiño e solicitando a reapertura inmediata do consultorio de Goián, así como que o Sergas se faga cargo da totalidade dos gastos que o Concello leva asumindo dende o 1 de abril, data na que se prevía a súa reapertura co inmoble xa plenamente operativo.