O Goberno do BNG de Tomiño ten claro que o futuro da vila pasa por un desenvolvemento económico do territorio que consiga aproveitar e dinamizar as potencialidades da contorna. Por este motivo, o equipo de Sandra González apostará por este desenvolvemento económico con dúas medidas concretas coas que se busca potenciar o sector agrario e facilitar o asentamento de tecido empresarial no municipio.

O BNG seguirá impulsando ao sector viveirista coa creación dun Centro de Iniciativas Agrarias que poida aglutinar e visibilizar o potencial do sector produtivo de toda a comarca, un centro “para que o sector poida enfrontarse con máis éxito aos novos retos de futuro, á innovación, ao cambio climático, á competitividade ou a estar máis integrado tamén na sociedade”. “Somos un concello pioneiro en iniciativas agrícolas e queremos seguir sendo unha referencia, non só na comarca, senón en toda Galicia”, salienta a candidata nacionalista á alcaldía de Tomiño.

Este centro convertirase nunha ferramenta imprescindible para dar apoio a un sector empresarial “fundamental na comarca” que xera riqueza e que “serve para que centos de homes e, sobre todo, mulleres teñan traballo na súa localidade”. O sector primario é no territorio un sector empresarial de grande importancia pola súa gran capacidade de xerar negocio e pola súa capacidade de fixar poboación e coidar a contorna.

Esta medida complementarase coa creación dunha área loxística e empresarial municipal que dea cabida ao tecido empresarial necesario para que Tomiño siga crecendo. Sen competencias para crear un polígono industrial, o BNG de Tomiño dará solución ao problema de solo industrial da comarca co impulso dunha modificación do PXOM para dotar ao concello dunha área empresarial municipal no que poidan instalarse pequenas e medianas empresas do sector terciario ou de servizos.