O BNG defenderá a permanencia de Gondomar na Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor de se levar adiante a ameaza de abandono do alcalde Paco Ferreira.

Os portavoces nacionalistas de Baiona, Gondomar e Nigrán, Iago Pereira, Manuela Rodríguez e Xavier Rodríguez, lamentan que o desleixo das sucesivas presidencias de PP ou PSOE faga esmorecer o enorme potencial deste ente supramunicipal e apostan por reforzalo con novos servizos e actividades mancomunadas que contribúan a mellorar a vida da veciñanza do Val.

A voceira de Gondomar manifesta que “descoñecemos que vai pasar se Gondomar abandona a Mancomunidade. Perderemos a veciñanza a cobertura do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) para as nosas emerxencias?  Perderemos os beneficios no uso da piscina e ximnasio da Ramallosa? Perderemos o dereito de acceso as escasas prazas públicas do centro de día mancomunado? E de todo iso do que nos quere quitar Paco Ferreira?”

Para o BNG é inexplicable esta nova ocorrencia de Paco Ferreira. Porque ademais dos catro anos en que foi o seu Presidente, fai parte da Xunta de Goberno da Mancomunidade desde 2015. Dez anos en que puido,  el máis os outros de alcaldes do Val Miñor,  manter en estado decente o actual local do GES ou, mellor, xestionar coa Xunta, Deputación ou Zona Franca, unha localización axeitada para unha nova sede.

Aínda máis, Paco Ferreira é membro da executiva da FEGAMP, a mesma que asinou en decembro de 2024 xunto coa Xunta e as Deputacións o Convenio de colaboración para o desenvolvemento dos GES para os anos 2025, 2026 e 2027, e alí, como en anos anteriores, non dixo nada. Tamén é deputado provincial e en xaneiro deste ano votou a favor dese convenio, e alí tampouco dixo nada.  E o pasado mes de maio, no pleno da Mancomunidade tamén votou a prol, e nesta ocasión tampouco nada dixo.

Só o BNG se abstivo nese pleno e solicitou a súa renegociación.  Porque o convenio establece un importe claramente deficitario para a operatividade do servizo. Iso provoca que, aínda que a Mancomunidade debería achegar só 24.000€ anuais para o mantemento do servizo, no 2024 a achega xa superou os 232.000€, mentres que a da Deputación foi de 128.000€ e a da Xunta non chegou a 162.000€.

Novo modelo de servizo galego de emerxencias

O BNG leva anos advertindo que o modelo dos GES deseñado pola Xunta do PP é ineficiente e precariza un servizo esencial. Foron creados como parche, sen planificación nin garantías, e delegando responsabilidades nos concellos. Así o resultado é o que hoxe vemos: persoal sobrecargado, medios insuficientes, déficit orzamentario e desigualdade territorial.

Pero a situación do servizo do GES do Val Miñor e da súa plantilla non se soluciona fuxindo da mancomunidade nin mirando para outro lado. O que cómpre, no inmediato, é efectuar as melloras necesarias e urxentes do inmoble onde teñen a sede, resolver as cuestións de carácter laboral pendentes e garantir a cobertura económica integra do operativo desde a Xunta e a Deputación.

E  como obxectivo a curto prazo o BNG insistirá en que se acometa a reforma integral do sistema galego de emerxencias para que sexa plenamente público, estable e profesionalizado, dependente dunha única administración, a Xunta, e dotado de financiamento suficiente. Un modelo de emerxencias que poña fin á precariedade e garanta condicións laborais dignas, formación axeitada e servizos de proximidade coordinados desde o público.