Segundo o BNG, «un ano máis os orzamentos galegos carecen de partidas orzamentarias significativas para o Baixo Miño». Ante esta ausencia de compromiso por parte da Xunta de Galicia coa comarca, o Bloque Nacionalista Galego ven de defender unha batería de emendas destinadas crear dotacións económicas para facer fronte a necesidades endémicas no orzamento para o vindeiro ano 2025.
Dentro do paquete de medidas, que abrangue un amplo espectro de consellerías, a fronte nacionalista pretendeu a mobilización de 15.575.800 € para atender as necesidades do conxunto da sociedade e do tecido produtivo comarcal.
Dentro das emendas transversais para toda a Comarca o BNG abordou a necesidade de avanzar en materia de infraestruturas, destinando 3 millóns de euros para o desenvolvemento da Via de Altas Prestacións Tui-A Guarda que leva xa máis de dúas décadas de atrasos, «un símbolo do abandono do Partido Popular áo Baixo Miño», o reforzo do sistema sanitario a través de mobilizar 1 millón de euros para dotar ao Baixo Miño dunha ambulancia medicalizada (SVA), ou unha estratexia integral de mobilidade que dote á Comarca dunhas conexións dignas do s.XXI cos hospitais de referencia e a universidade, entre outras.
Para abordar de xeito serio e decidido a crise de vivenda que vive o noso país, o BNG propuxo consignar arredor de 3,5 millóns para dotar á comarca de vivenda pública alcanzable, para que a mocidade poida desenvolver a súa vida na súa localidade e que o acceso á vivenda deixe de ser un imposíbel para moitas persoas no Baixo Miño.
No detalle por localidades o BNG salienta a súa aposta en materia educativa con máis de medio millón de euros para centros de Tui e Tomiño, unha aposta por facer dos servizos sociais unha auténtica prioridade pública para dotar a Tui dun centro de día público e unha nova EEI a través de emendas por preto dun millón de euros, e diferentes actuacións en estradas autonómicas por valor de case 2 millóns de euros que vertebren diferentes parroquias das localidades de Tui, O Rosal e A Guarda.
Dentro do marco de reforzo sanitario, o BNG propuxo destinar 200 mil euros para garantir a cobertura de persoal de traballo social no centro de saúde de Tomiño, así como 1 millón para o novo centro de saúde do Rosal.
Como unha aposta decisiva pola mobilidade na Guarda, o BNG defendeu a construción dun novo vial de acceso ao porto co fin de liberar de tráfico pesado o centro da vila. Con esta mesma aposta, e atendendo ao carácter transfronteirizo da comarca, o grupo nacionalista tamén defendeu a conexión regular entre A Guarda e Caminha a través dunha partida específica de 200.000 euros. Por outro lado, e tendo como prioridade adaptarnos a un futuro máis verde e máis habitábel, dende o BNG propúxose desenvolver as primeiras fases de saneamento nos concellos de Tomiño e Oia por 800 mil euros.
No caso de patrimonio e infraestruturas locais dende o Bloque defendeuse a reparación do muro da Fortaleza de San Lourenzo en Goián, no concello de Tomiño a través do destino de 300 mil euros e a ampliación e renovación do pavillón municipal do Rosal tamén por 300 mil.
En definitiva, «o Bloque Nacionalista Galego propuxo a través das súas emendas a mobilización de recursos económicos precisos para poñer o foco nas necesidades máis demandadas socialmente, apostando por reforzar a mobilidade e as infraestruturas necesarias para articular a comarca en sí mesma e co seu entorno e servizos, e que fixeran dos servizos públicos unha auténtica prioridade para mellorar a vida das persoas que viven e traballan no Baixo Miño».
«Lamentablemente o Partido Popular volveu votar en contra das emendas presentadas polo BNG, deixando as necesidades do Baixo Miño nun segundo nivel e rebaixando o esforzo orzamentario nesta Comarca», rematan os nacionalistas.
