O BNG dos tres concellos miñoráns volve denunciar ‘o continuado desleixo’ de PP e PSOE coa Mancomunidade do Val de Miñor. Os representantes nacionalistas de Baiona, Gondomar e Nigrán sinalan que o deixamento nas funcións da Comisión de goberno impiden mellorar os servizos mancomunados e afirman que “os sucesivos presidentes, tanto o actual, Sito Almuíña, alcalde de Baiona, como Juan González, de Nigrán, ou Paco Ferreira, de Gondomar, limítanse a se dar relevo un ano tras doutro, de xeito rutineiro no cargo e sen ningunha intención de impulsar a Mancomunidade”.

Manuela Rodríguez, Iago Pereira e Xavier Rodríguez, portavoces do BNG en Gondomar, Baiona e Nigrán, respectivamente, sinalan que “ese desinterese das diferentes presidencias de PSOE e PP é un obstáculo para a mellora e o correcto funcionamento dos xa escasos servizos mancomunados, como a piscina ou o grupo de emerxencias supramunicipal (GES)”. Como exemplo, os acordos tomados hai xa dous anos, froito do debate impulsado polo BNG, que eran fundamentais para rematar coa absoluta precariedade nas condicións de traballo e das instalacións do servizo de emerxencias “aínda non se efectivizaron na súa totalidade”, lamentan.

Os portavoces nacionalistas denuncian que hai máis dun ano que non se convocan os plenos trimestrais da Mancomunidade. Os últimos plenos realizados en xullo e outubro do ano pasado foron convocados con carácter extraordinario para tratar cuestións moi concretas, impedindo a presentación de iniciativas por parte das forzas políticas que non fan parte do goberno.

Mais para o BNG o deixamento de funcións por parte de PP e PSOE ao fronte da Mancomunidade vai máis alá, e consideran “o colmo do desinterese” que nin sequera traten de axilizar aquilo que presentan pola vía extraordinaria.  Así, aínda non foi aprobada definitivamente a modificación dos estatutos da Mancomunidade, que propuxeron en outubro pasado e da que depende, entre outros asuntos, a posibilidade de poñer en marcha o servizo conxunto de taxi no Val de Miñor.

Daquela o BNG presentara alegacións e emendas das que “descoñecemos o resultado, cinco meses despois de rematado o prazo”. Unhas propostas coas que a organización nacionalista pretendía que a modificación dos estatutos servira realmente para ampliar as competencias e para fomentar a participación veciñal na Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor, ademais de fortalecer o papel da entidade supra-municipal en Baiona, Gondomar e Nigrán, fronte á pretensión do PSOE e do PP de “baleirala de contido”.

Desde o BNG denuncian que a non convocatoria periódica dos plenos fai evidente o desinterese pola Mancomunidade que demostran tanto PP como PSOE, e instan que se convoque a Xunta, á maior brevidade, para que “o desleixo dos tres alcaldes polo funcionamento da entidade non impida o noso labor de activación, control e fiscalización do traballo da comisión de goberno, e que poidamos debater tamén as nosas propostas e alternativas na defensa dos intereses da veciñanza do Val de Miñor”.