O BNG demándalle ao alcalde da Guarda e o seu grupo de goberno un plan de usos da fortaleza de Santa Cruz que permita poñelo en valor, dando a coñecer a súa historia e enchendo de contidos o seu centro de interpretación.
A rehabilitación desta fortaleza foi realizada polo Concello da Guarda coa colaboración da Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Educación, Cultura y Deportes en xaneiro de 2014 e está catalogado como un BIC (Ben de Interese Cultural) desde 1.995.
A actuación levada adiante neste espazo, entre outras cousas, dotou este ámbito da infraestrutura necesaria para un Centro de Interpretación das fortalezas transfronteirizas que dera a coñecer o sistema defensivo e organizativo a un e outro lado do Río Miño no contexto da denominada “Guerra da Restauración” (1640-1668), na que Portugal recuperou a súa independencia fronte ao Reino de España.
Tratábase pois de transformar este lugar nun referente para entender a existencia das grandes fortificacións fronteirizas que hai no Baixo Miño e alto Minho Portugués e darlle así a vitalidade e dinamismo que merece.
«Lamentabelmente o alcalde da Guarda parece pouco interesado en darlle a función que lle corresponde a este espazo e o único que se lle ocorre, como anunciou fai uns días nos medios de comunicación, é transformalo nunha sala de billar», sinala o portavoz do BNG, Anxo Baz.
O nacionalista afirma que «darlle este uso ao centro de interpretación dunha fortaleza que é un Ben de Interés Cultural, resulta grotesco e fala moi as claras da falta de proxecto deste goberno e o seu alcalde».
Baz manifestou que “esta falta de criterio por parte do alcalde resulta moi preocupante porque as súas actuacións van exactamente no sentido contrario ao que deberan ir para salvagardar e poñer en valor unha das referencias patrimoniais máis importantes da nosa vila como é a Fortaleza de Santa Cruz”.
