Coa chegada das actividades festivas, desde o BNG demandan que se garanta o descanso da veciñanza e recorda que aínda está pendente a elaboración dun Mapa de Ruídos para O Porriño, como se acordara en pleno hai máis de dous anos. Reclama tamén o acceso a garaxes e vivendas, así como o paso de vehículos para casos de emerxencias.
“Este é un dereito que ten que garantir a policía local, da que Lorenzo é o máximo responsable”, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira. Ademais, fixo un chamamento a evitar exceso de ruído e actitudes incívicas, así como garantir unhas festas libres de machismo.
Desde o BNG defenden unhas festas do pobo e para o pobo, afastadas do modelo de festival caro e con palco VIP para amigos que organiza o PP. “Queremos máis aposta polo pequeno formato, polos artistas locais e pola música galega e en galego, tal e como a nova actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta recomenda”, declarou Pereira.
A forza nacionalista lamenta a escasa participación do asociacionismo local. Defenden a constitución dun Consello Local da Cultura, aberto a asociacións e artistas locais, para debater e deseñar a programación cultural e de lecer no Porriño. “Lorenzo está afeito a facer e desfacer ao seu antollo. As actividades solápanse e a xente que desde as parroquias participa en comparsas ou grupos de música e baile non coñece as actuacións co tempo suficiente”, sinalou Pereira.
Tamén queren denunciar a improvisación constante do goberno e a falta de coordinación coa hostalaría e comercio local, co problema que orixina á hora de comprar mercadorías ou contratar persoal. “Anúncianse as datas e a programación a última hora, cando ao alcalde lle vai ben para o seu habitual exercicio de autobombo”.
