Manuela Rodríguez Pumar

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a actitude do alcalde de Gondomar por non dar resposta á petición da Valedora do Pobo. Esta demándalle información sobre os problemas que motivan a queixa da Voceira Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, «por non respectar o alcalde os acordos a respecto das convocatorias de plenos, tanto no que ten a ver á súa periodicidade como ao día de celebración».

A Valedoría do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polo BNG ao entender que reúne os requisitos formais recollidos na Lei que a rexe. En consecuencia, iniciou as actuacións oportunas ante o Concello de Gondomar, requiríndolle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei do Valedor do Pobo, lle facilitara a información sobre os problemas que motivan a queixa.

«O Concello de Gondomar aínda non remitiu o informe demandado. O día 16 de xullo requiríronllo novamente, recordando expresamente que tal envío resulta unha obriga legal, facéndolle saber que a negativa ou neglixencia de calquera organismo ou funcionario ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada pola Valedoría do Pobo de Galiza como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ao Parlamento«, asegura Rodríguez.

“Cando soubo da denuncia do BNG diante da Valedora do Pobo, e tendo ademáis a obriga de realizar o sorteo de integrantes das mesas de votación nas eleccións galegas, o Sr. Ferreira convocou pleno para o pasado 17 de xuño”, di a Concelleira. “Aínda que o atraso de catro meses na convocatoria provocou unha orde do día de 38 puntos e a acumulación de 19 mocións presentadas polos grupos políticos, das que dez quedaron sen debater por falla de tempo, entre elas ás seis dos BNG”. 

Mais o alcalde “segue sen respectar o acordo plenario unánime de convocar pleno mensual o primeiro xoves de cada mes. Neste mes de xullo tampouco. E iso que temas non nos faltan, xa que, tal como indica o ROF (Regulamento de Organización, Funcionamento e réxime xurídico das entidades locais), os asuntos da orde do día que non son debatidos nun pleno teñen que se incluír na orde do día da seguinte sesión”, indica a voceira.

En opinión do BNG, «en Gondomar a democracia está confinada cando o alcalde impide a realización de plenos municipais, máximo órgano de representación popular no concello, onde a oposición pode exercer o seu labor de fiscalización do traballo do goberno e de presentación de propostas e alternativas na defensa dos intereses da veciñanza».

«Como acostuma, Ferreira eríxese en protagonista de todas as actuacións municipais a través do seu Facebook persoal, nun exercicio de burda propaganda que non está á altura da responsabilidade do cargo que ostenta. Temos que exixir, polo ben do noso Concello, que o alcalde abandone a súa arrogancia e ansia de protagonismo, máis propias de tempos predemocráticos, e acepte que mellorar as condicións de vida en Gondomar requirirá atender tamén as achegas do resto de organizacións que conforman a corporación municipal, en lexítima representación da veciñanza de Gondomar”, afirma Manuela Rodríguez, voceira municipal do BNG.