BNG de Gondomar

O BNG de Gondomar denuncia unha nova “indecencia antidemocrática” do alcalde Paco Ferreira coa que «pretende premiar, máis unha vez, o transfuguismo neste concello».

Segundo o BNG, Ferreira pretende «modificar os acordos do pleno de organización para colocar á concelleira non adscrita Rocío Cambra como representante da corporación municipal nas mancomunidades de concellos do Val Miñor e da Área de Vigo, apoiándose no voto da propia tránsfuga».

Despois da «non convocatoria dos plenos ordinarios» correspondentes aos meses de novembro e xaneiro, “vén de sorprendernos o alcalde avisando doutro Pleno dos do seu interese. Pero desta volta non vai de prazas nin de proxectos estrela, senón de acubillar a quen lle está a facilitar o seu xeito de gobernar”, denuncia Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG.

O grupo municipal do BNG «soubo das intencións do alcalde cando recibiu a convocatoria da comisión informativa» de asuntos do pleno para este luns 3 de febreiro. Así, na orde do día figura a «proposta de modificación dos representantes municipais en ambas Mancomunidades, a costa de eliminar parte das integrantes actuais».

“Cos seus habituais métodos “raposeiros”, e obviando a dubidosa legalidade desta proposta, tenta dar volta a un acordo maioritario pactado pola oposición á volta das eleccións municipais para amañalo ao seu xeito coa “impagable” colaboración da tránsfuga Rocío Cambra”, acusa Rodríguez.

Desde o BNG sinalan que “ao Sr. Ferreira –ao PSOE de Gondomar– todo lle vale con tal de con-seguir no poder. Demostrouno nas pasadas eleccións municipais ao incluír na súa candidatura a un tránsfuga do seu propio partido, o Sr Manolo Gómez. Mais non lle chegou para manter a maioría absoluta”.

“Agora estamos diante dunha nova sucia manobra política de Ferreira, que non ten escrúpulos en utilizar a posición de vantaxe que lle outorgan as actas tránsfugas para acadar, por medios fraudulentos, a maioría na Corporación que non dou conseguido nas urnas”, sinala a nacionalista.

Para as nacionalistas “esa é a democracia de Ferreira. Mentres na rúa se lle esixen accións de goberno que atendan as necesidades da veciñanza, el anda ao seu interese persoal, procurando maiorías que xustifiquen o seu desgoberno”

Na actualidade nas mancomunidades de concellos do Val Miñor e da área intermunicipal de Vigo, o de Gondomar está representado por membros de todos os grupos políticos saídos das urnas nas municipais de maio de 2023: PSOE, PP, MM e BNG.

Esa representación plural foi pactada e forzada polas formacións políticas da oposición que gañaron a votación no pleno de organización diante dun goberno do PSOE en minoría. “Agora, Ferreira faise ‘o forte’ amparándose nas actas ilexítimas dos tránsfugas que lle dan o seu ‘interesado’ voto”, sinala Rodríguez, e matiza que «a xulgar polo total apoio que a tránsfuga lle presta nos plenos e de se consumaren as intencións de Ferreira de incluír á non adscrita Rocío Cambra nas mancomunidades, a representación da corporación de Gondomar pasaría a ser exclusiva do PSOE na de Vigo e maioritaria na do Val Miñor».

Diante desta «nova manobra antidemocrática de Paco Ferreira e o PSOE de Gondomar e na defensa da legalidade, da pluralidade e dunha maior equidade, o BNG solicitará formalmente na comisión informativa do luns a retirada deses dous puntos da orde do día do pleno de febreiro, e o mantemento dos representantes da corporación municipal de Gondomar acordada no pleno de xullo de 2023″.