O Bloque Nacionalista Galego (BNG) desenvolve a súa campaña con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, baixo o lema ‘Negar a violencia machista é violencia machista’.

Unha iniciativa coa que a fronte nacionalista quere denunciar o auxe dos discursos que negan a violencia machista empurrados pola dereita, a nivel galego e estatal, e que se reflicten nun recorte dos recursos públicos que se destinan á loita contra a violencia machista e na atención das vítimas.

Cando se cumpren 18 anos da aprobación da “pioneira e vangadista” Lei galega contra a violencia machista, o Bloque alerta dos retrocesos nesta materia pola “desidia e os recortes de servizos públicos” aplicados polo PP na Xunta de Galiza, ignorando o clamor das masivas mobilizacións do movemento feminista dos últimos anos.

Cuestións como a falla de financiamento e persoal nos Centros de Información ás Mulleres (CIM), non garantir a atención psicolóxica na Atención Primaria, a redución nas axudas económicas e a ausencia de formación especializada nos servizos de atención son, a xuízo do BNG, algúns exemplos da falla de avances na loita contra o machismo.

Dende a fronte nacionalista sinalaron tamén as “demoledoras” conclusións do informe elaborado este 2025 polo Consello de Contas, que reflicte a falla de construción dun sistema público e directo de atención ás vítimas, derivando o Goberno galego a súa responsabilidade en concellos “sobrecargados” ou privatizando os servizos.

A ese respecto, as nacionalistas consideran un claro obstáculo para avanzar na loita contra as diferentes formas de violencia contra as mulleres o feito de que Xunta ou Estado deixen en mans de empresas privadas, que fan negocio coa súa xestión, servizos tan sensíbeis como a atención da violencia sexual ou o das pulseiras de control telemático cos graves problemas detectados recentemente.

Unha realidade que se reflicte tamén nas cifras de vítimas. No 2024 foron asasinadas, segundo as estatísticas oficiais, cinco mulleres en Galiza, tres no que vai de 2025, habendo na actualidade máis de 6.000 casos activos en Viogén.

“Nun contexto de avance e normalización das posicións negacionistas, que coincide coa defensa ultraliberal do baleirado dos servizos públicos, temos que denunciar de forma clara e directa que cuestionar a violencia machista é violencia machista e que privatizar e desmantelar os servizos públicos resta capacidade na loita pola igualdade e contra a violencia machista”, defenden dende o BNG.

As nacionalistas chaman a participar masivamente nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este martes 25N ás 20h. No Val Miñor, na concentración no cruce da Ramallosa, ou en Vigo, na manifestación desde Vía Norte.