O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia «o abandono en que se atopa o barrio do Camiño Branco en Morgadáns por parte do Goberno local». A organización nacionalista urxe dar solución á falla de saneamento, de alumeado e de accesos que ten o barrio, así como á recuperación do camiño tradicional que lle dá nome.
«A falla de saneamento municipal xunto coa dureza do terreo obriga aos veciños a ter as fosas sépticas debaixo das casas ou en depósitos en superficie. Debaixo do salón, diante da porta da casa ou á vista nun pendello, esa é a realidade deste lugar de Morgadáns. No BNG fomos coñecedores desta situación a través do relato dos propios afectados asistentes ás asembleas veciñais realizadas na parroquia de Morgadáns, a raíz do cal realizaron un vídeo en que describen a súa situación«, sinalan dende o BNG
“E é entón cando Paco Ferreira, logo de oito anos na alcaldía sen poñer un pé no barrio, aparece, xunto co presidente da Entidade Local Menor, facendo promesas electorais nas redes sociais, falando de “nova rede de saneamento” como se antes houbera algunha!”, indica a portavoz do Bloque. “Non deben lembrar ningún dos dous as reiteradas solicitudes de solución por parte dos veciños. A última presentada por escrito na Entidade en abril de 2021 e da que aínda hoxe non recibiron resposta”, afirma a nacionalista.
Para a voceira do BNG «esta é unha máis das fallas de respecto do Alcalde á veciñanza. O Sr. Ferreira confunde o seu Facebook cunha ferramenta de goberno, cando non é máis que un instrumento de propaganda”, sentencia Rodríguez.
A concelleira nacionalista reitera o compromiso do BNG co saneamento integral do concello, a comezar por aqueles lugares onde a situación é máis crítica e urxente, “esa será unha das nosas prioridades despois do 28 de maio”.