GOOGLE // Depuradora Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia o “sablazo” que vai supor para a veciñanza de Gondomar a nova Lei da Auga presentada pola Xunta. A fronte nacionalista rexistrou unha emenda á totalidade e pediu a devolución do proxecto de lei polo forte incremento dos custos para as familias, as empresas e as comunidades de augas, así como polo grave impacto económico que tería sobre as arcas municipais. «A proposta do BNG foi rexeitada polo PP dun Feijóo que presume de plan para rebaixar impostos no Estado e se despide da Xunta con unha suba abusiva de impostos”.

“Esta Lei é unha declaración hostil contra os concellos nun contexto de dificultades e unha norma cunha clara finalidade recadatoria”, criticou o portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, que afeou que o Partido Popular queira impoñer este proxecto sen diálogo cos axentes implicados, ignorando as alegacións presentadas polos concellos e as recomendacións do Consello Económico e Social.

Bará cualificou a Lei de “coercitiva” porque “obriga a todos os concellos, baixo ameaza de sancións, a realizar unha grande cantidade de obras”. Unha circunstancia que, advertiu o deputado nacionalista, «vai comprometer a capacidade de gasto das entidades locais provocando subas de impostos«. Ademais, subliñou que «o proxecto non se axusta á realidade, pois foi elaborado hai máis dun ano«, tachando de “irresponsábel” un incremento da presión fiscal no actual contexto de inflación disparada.

Sablazo en Gondomar

Desde a fronte nacionalista alertan de que o concello de Gondomar vai ser un dos máis prexudicados de aprobarse o texto elaborado polo PP. En particular, «pola suba da taxa de xestión da depuradora, cuxas previsións de recadación se incrementarían en máis de medio millón de euros, dos 44 mil actuais até os 546 mil recollidos no proxecto». “Isto significa multiplicar por 12 o custo actual, o que vai acabar repercutindo nos petos da veciñanza do noso concello”, lamenta a portavoz municipal e concelleira, Manuela Rodríguez.

O BNG local xa presentara en 2021 unha moción na que se instaba á Xunta de Galiza a paralizar a tramitación do Anteproxecto de Lei de Mellora do Ciclo Integral da Auga e a dotar a comunidade dunha planificación integral da xestión do ciclo da auga, contando para a súa elaboración coa participación de todas as entidades implicadas. «A iniciativa, que foi aprobada no pleno extraordinario de decembro, só contou co voto en contra do grupo Popular de Paula Bouzós aducindo que a Lei non ía incrementar taxas senón reordenar os tributos que xa existen. Se iso é o que cren que significa, mellor será impedir que o PP nos re-ordene máis nada”.