No pleno do mes de setembro aprobouse, a instancias do BNG, unha solicitude de comparecencia do alcalde para dar na seguinte sesión plenaria información sobre asuntos de especial relevancia para O Porriño, tanto en materia económica como relativos a inversións ou infraestruturas.
«Pasado o pleno de outubro sen comparecer, o alcalde volve incumprir un acordo maioritario da corporación. Desde o BNG denunciamos esta actitude antidemocrática que amosa o verdadeiro talante dun rexidor que non está cómodo no debate político e se escuda detrás dunha constante campaña de propaganda para ocultar a súa deficiente xestión», sinalan os nacionalistas.
Dende o BNG sinalan que «O Porriño precisa unha Alcaldía que respecte os acordos e goberne para todas e todos. Limitarse a xestionar o día a día, programar festas e sacarse fotos non chega. Alejandro Lorenzo non está a afrontar con responsabilidade os grandes retos que temos como pobo».
Algúns dos asuntos que solicitou o Bloque para que o Alcalde informe no Pleno son «a auditoría e cese da interventora municipal, orzamentos, Villa Florida e a reunión con ADIF».
