BNG

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, “despois de 20 anos, a vía principal de comunicación do Baixo Miño está moi lonxe de ser unha realidade”. Afirman que o último destes anuncios fíxose fai uns días, «cando Rueda se achegou á comarca a escenificar a licitación do acondicionamento de tres novos quilómetros da AG-42, que levan 15 anos xa explanados e que actualmente están convertidos nunha selva».

«Así, -din os nacionalistas- o presidente presenta este acto como un logro enorme para o Baixo Miño cando non é máis que un remendo mínimo máis no que sería a totalidade do proxecto. O tramo en cuestión, ao non ter continuidade, non afecta aos desprazamentos entre Tui e A Guarda, O Rosal ou a meirande parte do Concello de Tomiño. Polo contrario, suporá un incremento do tráfico na PO-350 nas parroquias de Piñeiro e Taborda, co conseguinte risco para a seguridade viaria, pois esta estrada non ten nin beiravía nin beirarrúas».

Na comparecencia, o presidente tamén aludiu á obra de enlace coa A-55, posta en funcionamento durante a precampaña das pasadas eleccións galegas. «En realidade, a apertura desta obra sen ter o resto do tramo ata Goián rematado, conxestionou aínda máis o tráfico en Areas, pois obriga aos vehículos que deixan a autovía en dirección A Guarda a pasar pola rotonda de acceso aos supermercados desta área, cando antes o vial de saída enlazaba coa PO-552 máis alá desta zona comercial. Ao mesmo xeito que o indicado no apartado anterior, ao non executar o proxecto de xeito global volta a facerse un funil de tráfico», aseguran dende o BNG.

Asimesmo, o BNG denuncia que «o acto propagandístico de Rueda» se levara a cabo días despois de que esta formación denunciase publicamente «a falta de investimentos para a comarca nos orzamentos da Xunta para este ano 2025, chegando a tumbar o Partido Popular na súa tramitación no Parlamento unha vintena de emendas presentadas e defendidas polo Bloque Nacionalista Galego«, que atendían a demandas imperativas dos concellos do Baixo Miño. «Unha vez máis o Partido Popular aplica unha política de fume á nosa comarca, pois detrás da propaganda e os anuncios non hai dotacións orzamentarias nin obras».

Dende o BNG rematan dicindo que todo isto «evidencia a enorme pasividade do Partido Popular comarcal e das súas agrupacións locais, actuando permanentemente como cómplices silenciosos do constante abandono ao que nos ten condenados a Xunta«. O Bloque Nacionalista Galego «lamenta que os responsables políticos populares no Baixo Miño unha e outra vez se poñan de perfil cando se trata de atender problemas tan cruciais para nós como son as comunicacións, o transporte, a mobilidade transfronteiriza, a sanidade, etc».