Ana Pontón

O BNG denuncia que, un ano máis, «o Partido Popular actúa contra o benestar da veciñanza de Gondomar ao rexeitar todas e cada unha das emendas presentadas polo Bloque ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro 2024, incluídas as catorce que afectaban directamente á localidade».

A maioría absoluta do PP de Rueda no parlamento galego, co silencio cómplice do PP local de Paula Bouzós, non só impediu o investimento de algo máis de tres millóns de euros no noso concello”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, “tamén rexeitou as emendas relativas a propostas comúns aos tres concellos do Val Miñor por outros 6,5M€, que suporían un beneficio colectivo tamén para Gondomar”.

Os nacionalistas aseguran que o Partido Popular votou en contra da prestación de servizos como o comedor escolar para o CRA Antía Cal, a creación de máis prazas públicas de escola de educación infantil (de 0 a 3 anos), da creación dun Centro de Día público, de cubrir a falla de persoal sanitario no Centro de Saúde e de ampliar os medios e persoal no Centro de Información ás Mulleres (CIM).

«O Partido Popular tamén votou en contra de incluír Gondomar nun plan de promoción de vivenda pública para poder mercar ou alugar a prezos accesíbeis. E co seu voto contrario tamén impediu incluír nos orzamentos de 2024 partidas para a ampliación da estación depuradora e a rede de saneamento nas parroquias, para paliar os efectos das enchentes en Mañufe ou dotar de sendas peonís as estradas Vincios-Couso e Vincios-Nigrán«, sinalan.

O PP rexeitou tamén todas as emendas do BNG propuña para o conxunto do Val Miñor, «impedindo así a construción dunha residencia de maiores pública ou a ampliación de profesionais do servizo de saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor, que permitiran rematar coas listas de agarda na atención psicolóxica e psiquiátrica».

Así mesmo,  volveu votar en contra da eliminación das peaxes da autovía AG-57, o que “supón unha clara discriminación para esta comarca, mentres outras zonas do país teñen autovías libres de peaxes”, denuncia Rodríguez. Para o BNG é urxente o rescate desta concesión que aínda remata no ano 2045. “É urxente”, afirma, “poder converter a AG-57 nunha alternativa á conxestión e ao elevado tráfico das estradas Vigo-Baiona e Gondomar-Vigo, e mellorar a conexión e a competitividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e do Porto do Molle (Nigrán) a través desta vía, de titularidade autonómica, que conecta o Val Miñor con Vigo e o norte de Portugal“.

Máis unha vez, as propostas do BNG foran rexeitadas polo rodete da maioría dun PP na Xunta que conta co silencio cómplice do PP local”, acusa Rodríguez. “Co seu voto contrario deciden deixar Gondomar sen uns investimentos que suporían o reforzamento e alongamento dos servizos públicos, a mellora do medio ambiente, a mobilidade e as infraestruturas viarias. Medidas que incidirían de xeito significativo na calidade de vida e na creación de emprego no noso concello”, remata a concelleira nacionalista.