O BNG denuncia un ano máis a falla de prazas na Galiña Azul para garantir a entrada a todas as crianzas de 0 a 3 anos para o curso 25-26. «No Val Miñor, un total de 75 nenos quedaron sen praza nas tres escolas infantís públicas dependentes da Xunta: 18 na de Baiona, 24 na de Gondomar e 33 na de Nigrán».
A portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, cualifica de “indignante que o Goberno da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, devolvese 22 millóns de euros procedentes de fondos europeos e destinados a crear máis de 3.000 novas prazas públicas en escolas infantís. E que, pola contra, destine 45 millóns ao ano á gratuidade das prazas en escolas infantís privadas».
A concelleira nacionalista sinala a grande «irresponsabilidade política do goberno do PP» ao renunciar a eses fondos cando hai evidencias de que «non hai prazas suficientes para atender as necesidades das familias en todo o país».
Explica Rodríguez que en Gondomar, como nos demais concellos, «non só fican fóra da escola pública 24 crianzas das que solicitaron praza, senón todas as que xa nin sequera o intentaron por vérense obrigadas a recorrer a centros privados, logo de quedar sen praza en cursos anteriores, ou por teren neles, por esa mesma razón, a irmás ou irmáns».
Desde o BNG local xa reclamaran ao goberno da Xunta, a través dunha emenda aos orzamentos galegos para este ano 2025, “a ampliación da rede pública de escolas infantís, con máis prazas de nova creación para garantir a gratuidade e a universalización do ensino de 0 a 3 anos en todos os concellos, tamén en Gondomar, como medida imprescindíbel para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral, e para fomentar a natalidade”.
Mais a medida foi rexeitada «polo rodete da maioría do PP de Rueda que segue a favorecer os centros privados en detrimento da educación pública«, afirma. «O Goberno galego do PP nin cre na educación pública nin nas políticas de conciliación familiar, e continúa a transvasar cantidades inxentes de diñeiro público ás escolas privadas», subliñan desde a organización nacionalista, que volverá esixir á Xunta o aumento na oferta de prazas e un compromiso real co ensino público e coas políticas de conciliación familiar.
